Cervo programa sesións formativas interactivas nos centros escolares

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
20 Nov 2019

O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, programou sesións didácticas e interactivas nos centros escolares do municipio con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos (do 16 ao 24 de novembro).

A edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, explicou que en colaboración con Sogama “quixemos afondar cos nosos escolares nas boas prácticas domésticas para lograr o máximo aproveitamento dos produtos para reducir ao mínimo a xeración de refugallos.

Deste xeito, o Concello de Cervo sumouse á campaña Corta polo san! Reduce residuos que promove Sogama achegando estas sesións formativas ao CEIP Península da Paz, ao CEIP de Cervo e ao IES Marqués de Sargadelos.

Tal e como precisou Méndez o que pretendemos con esta iniciativa é incidir no consumo responsable no noso día a día –na escola, no tempo de lecer, no fogar- xerando menos residuos, co que contribuímos a aforrar recursos e a preservar o medio ambiente.

As educadoras de Sogama explicáronlle aos pequenos como con pequenos xestos se poden obter grandes beneficios; como priorizando a adquisición de produtos a granel e coa menor embalaxe posible, levando a bolsa da casa á compra ou mercando tan só o que realmente precisemos. Tamén fixeron fincapé na redución do desperdicio alimentario, xa que a composición das nosas bolsas de lixo presenta unha alta porcentaxe de materia orgánica.

Os escolares recibiron unha serie de agasallos e material didáctico, como por exemplo un imán explicativo que recolle graficamente cuestións fundamentais para unha correcta separación dos residuos no fogar.

A edil de Medio Ambiente recordou que o Concello de Cervo promove desde fai xa unha década unha campaña gratuíta de compostaxe doméstica  “na que participan ata o momento máis de 170 familias que xa contan cun destes recipientes no seu fogar”.

0.1893310546875