Cervo promove un voluntariado sénior para persoas maiores de 55 anos
O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación e Cultura, que dirixe Dolores García Caramés, promove un voluntariado sénior dirixido á veciñanza de máis de 55 anos.
O programa leva por título “Cervo a carón do Voluntariado Sénior”, e con el o que pretendemos “é fomentar a implicación deste sector da poboación no desenvolvemento cultural e social do noso municipio, “que se involucra ao cento por cento na posta en marcha das diferentes iniciativas que conforman o noso proxecto e que dinamizan o municipio”, explicou Caramés.
A edila precisou que un dos eixos principais do programa foi “Cervo no Camiño”, unha iniciativa para poñer en valor o Camiño de Santiago e, en concreto, o tramo que discorre polo termo municipal e que forma parte do Camiño do Mar. Inicialmente levouse a cabo unha andaina por Cervo percorrendo os diferentes fitos que forman parte deste itinerario, que é unha ramificación do Camiño Norte, “con gran valor patrimonial, histórico e medioambiental”.
Unha decena de voluntarios sénior foron os encargados de guiar, informar e acompañar a medio cento de veciños que realizaron nos meses pasados tamén as diferentes etapas do Camiño Francés, desde O Cebreiro ata Santiago de Compostela.
Ademais, tamén se están desenvolver diferentes encontros entre as persoas voluntarias e o alumnado dos centros escolares do municipio -engadiu- estamos a programar diferentes charlas interactivas, nas que os voluntarios comparten as súas vivencias ou anécdotas cos nenos e nenas “co obxectivo de xerar espazos de convivencia nos que, a través da comunicación interxeracional, podan chegar a comprenderse xeracións tan distantes na liña temporal.
O terceiro piar deste proxecto está enfocado na recuperación histórica do Concello de Cervo. Tal e como apuntou Caramés “estamos a poñer en contacto aos voluntarios con veciños do noso municipio que nos achegan vivencias, material gráfico…e todo un patrimonio inmaterial de incalculable valor para preservar todo aquelo que é base da nosa historia e poder compartilo coas futuras xeracións”.