Cervo, Xove e Viveiro pecharán o 1 as súas instalacións en solidariedade cos traballadores de Alcoa
Os concellos de Cervo, Xove e Viveiro anunciaron á veciñanza que este mércores, 1 de xullo, pecharán as súas instalacións como mostra de solidariedade cos traballadores de Alcoa, que farán unha folga nesa xornada, e reivindican unha solución urxente que evite os despidos.
O rexedor cervense, Alfonso Villares, precisou que é fundamental que toda a Comarca reme unida nunha mesma dirección para reverter o peche da fábrica de aluminio e o despido de máis de 500 empregados directos e de moitos máis indirectos das empresas auxiliares; “todos formamos unha gran cadea, e a materialización deste proceso sería un golpe con consecuencias irreparables para toda a bisbarra; non o podemos permitir”; precisou.
Pola súa banda, tamén queda suspendido o mercado tradicional de Xove que se celebraría este mércores 1 de xullo e que se celebra cada semana no entorno do centro cívico.
Tamén o Concello de Viveiro pon un autobús a disposición das persoas que queiran asistir á manifestación que terá lugar en Santiago de Compostela este mércores 1 de xullo, ás 12:00 horas en apoio aos traballadores e traballadoras de Alcoa, para garantir a continuidade da factoría e o mantemento de todos os postos de traballo.
Este autobús sairá ás 08:30 horas da estación de autobuses de Viveiro. Ten un total de 55 prazas e será obrigatorio o uso de mascarilla durante todo o traxecto. As persoas que queiran facer uso deste servizo, deben reservar a súa praza chamando ao teléfono 982.560.128 ou enviando un correo electrónico ao enderezo apuntesviveiro@viveiro.es.
A factoría de Alcoa en San Cibrao atópase nunha grave situación, tras o anuncio por parte da empresa dun despido colectivo que afecta a 534 empregados de forma directa ademais de afectar a un gran número de traballadores de forma indirecta.
Na planta de Alcoa San Cibrao traballan de forma directa unhas 2000 persoas, incluíndo o persoal da factoría e o das empresas auxiliares, ademais de xerar miles de postos de traballo de forma indirecta en toda a comarca; unha parte importante do PIB da provincia de Lugo corresponde a esta fábrica e que o seu impacto económico na é fundamental, polo que este anuncio de despido por parte da propietaria da factoría supón un grave prexuízo económico para toda a comarca, que de facerse realidade suporía unha hecatombe para Viveiro e o resto de municipios da Mariña, xa de por si castigada pola industria e afectada neste momento pola crise económica derivada do COVID19.
Tendo en conta que os traballadores da factoría de San Cibrao e das empresas auxiliares farán unha folga o 1 de xullo para reivindicar unha solución urxente a esta situación e tendo en conta, así mesmo, que hai diversos comercios de Viveiro que o vindeiro mércores tamén permanecerán pechados, dende o goberno municipal vén de acordarse o citado peche das instalacións municipais o vindeiro 1 de xullo como mostra de solidariedade cos traballadores de Alcoa e das empresas auxiliares para reivindicar unha solución urxente que evite os despidos anunciados e que garanta o futuro desta factoría, fundamental para a comarca, así como o mantemento de todos os seus postos de traballo.