César Bona abre o programa do 25 aniversario do Colexio Galén de Lugo

O Colexio Galén de Lugo iniciou o programa de actos conmemorativos polo seu 25 aniversario cun ciclo de charlas en colaboración coa Xunta de Galicia, que reunirá na cidade a destacados especialistas en educación e desenvolvemento persoal.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu esta tarde á primeira das conferencias, celebrada no auditorio Gustavo Freire e impartida polo profesor, escritor e conferenciante César Bona.
A programación continuará o 7 de maio no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta, ás 19,15 horas, coa intervención do psicólogo e orientador Antonio Ríos, que abordará os desafíos propios da adolescencia. Ríos está especializado en orientación e psicoterapia de familia, parella e adolescentes, e é autor de publicacións como o videolibro Adolescente en casa... 5 años de trinchera.
O ciclo pecharase o 29 de maio, tamén ás 19,15 horas e no mesmo espazo, coa conferencia do neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño, centrada en O sorprendente desenvolvemento do cerebro humano. Mariño conta cunha ampla traxectoria na difusión do coñecemento científico, recoñecida, entre outros galardóns, co Premio de Divulgación Científica 2026 da Real Academia Galega das Ciencias.
As conferencias son de acceso libre e gratuíto e están dirixidas tanto a profesionais do ensino como a pais, nais, familias e a calquera persoa interesada en profundar nos retos actuais da educación.