Charla informativa sobre parques eólicos en Becerreá
A casa da cultura de Becerreá acollerá unha charla informativa sobre os parques eólicos na comarca dos Ancares. Será o 5 de marzo ás 19.00 horas.
Nesta charla informativa falarán a representante de Rente ao Couce, o representante de Rural Sostenible, Margarita Prieto e Andrés Castro.
A Asociación Rente ao Couce, organizador desta charla foi fundada no ano 2019 que ten como obxectivo poñer en marcha iniciativas culturais, lúdicas e informativas que sexan de interese para os veciños da zona de Becerreá e arredores.
Rente ao Couce leva un tempo mobilizándose na comarca co tema dos eólicos. Recentemente entrou a formar parte do órgano participativo da Reserva dos Ancares lucenses.
Na súa última reunión do órgano participativo da Reserva tratouse o tema dos eólicos a iniciativa do Sindicato Labrego Galego, que pediu trasladar unha petición de moratoria á Xunta nestes espazos naturais. O órgano participativo apoiou esta petición.
Dende a Asociación lembran que varios proxectos eólicos da zona están localizados en áreas da Reserva da biosfera. No concreto, especialmente preocupante é o Proxecto Levante de titularidade estatal, emprazado na zona de especial Protección Agüeira-Cruzul da reserva.
Esta petición de moratoria súmase ao informe formulado polo Consello da Cultura Galega (que tamén solicita unha petición urxente de moratoria para parques eólicos no conxunto de Galicia).