Chegan a Lugo as xornadas ambientais de verán
A cidade de Lugo acolle un ano máis as xornadas ambientais de verán Os catro elementos, nas que se recoñecerá a vexetación característica da zona de Bosende, as constelacións protagonistas do ceo nas noites de verán, as aves que percorren os ceos da cidade e as zonas de baño históricas no río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo.
O programa de actividades comezará o vindeiro xoves 29 de xullo ás 17 horas, coa xornada Os froitos da terra. Antonio Rigueiro, catedrático profesor da USC, será o encargado de guiar nesta andaina de 3 kilómetro identificativa da vexetación. Dende o Centro de cestería percorreranse as carballeiras do Rato, e chegarase ata o núcleo de Bosende, ata chegar ao Centro de Interpretación Terras do Miño; zonas que están afectadas polos proxectos de construción da Rolda Leste e da eliminación dos pasos a nivel de ADIF. Recoméndase levar guías de identificación de árbores, plantas e aves, ademais de prismáticos.
A seguinte xornada, Brilar con luz propia, será o domingo 15 de agosto -na madrugada do sábado ao domingo á 1- na que Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA, encargarase de guiar no recoñecemento das estrelas e constelacións do ceo lucense, coincidindo co tempo das Perseidas.
A continuación, o domingo 22 de agosto ás 10 horas, realizarase a xornada adicada ás aves na que Roi Cuba, presidente de Adega, acompañará nunha andaina na que se poderán avistar as aves máis características da cidade de Lugo, para o que se recomenda traer guías de aves e prismáticos.
Finalmente, a última actividade -aínda está pendente de data- adicarase á auga. Desta maneira, percorrerase un treito do río Miño na procura das zonas de baño históricas que dende moitos anos, a cidadanía de Lugo empregou para achegarse ao río.
Todas as actividades son de balde e con prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse chamando ao 982240299 (en horario de mañá, agás os mércores de tarde) ou escribindo a adegalugo@adega.gal indicando nome, apelidos, DI e teléfono de contacto. En todas as actividades será necesario cumprir as medidas de prevención da covid vixentes.