“Chegar ao fútbol profesional co equipo da túa cidade é o máximo ao que se pode aspirar”

Jessica Fernández
Sempre quixeron ser futbolistas?
Iago: De pequeno xogaba ao fútbol no patio do colexio cos meus amigos e gustábame moito. Ademais, a miña familia, que era bastante futbolística, introduciume neste deporte, e comecei no equipo de fútbol sala de Castro Riberas de Lea, ata que na etapa de alevíns vin para o CD Lugo.
David: Eu tamén xogaba ao fútbol cos amigos no colexio e gustábame moito, así que con 6 anos os meus pais apuntáronme ás escolas municipais de Outeiro de Rei e compatibilizábao co equipo de fútbol sala do Azkar Lugo, ata que aos 12 anos entrei no CD Lugo, o equipo da miña cidade, algo que me fixo moitísima ilusión.
Jorge: Eu comecei en atletismo, pero ao xuntarme con algúns amigos apuntámonos a fútbol sala e probei un ano no fútbol campo, con 10 anos, e pouco despois, con 11 anos, chamáronme do Club Deportivo Lugo para xogar aquí, onde levo toda a miña traxectoria deportiva.
Como valoran a súa evolución como deportista?
Jorge: Ao principio sénteste nunha burbulla, porque vas pasando categorías con toda a túa xeración, pero cando empezan a seleccionar os mellores xogadores da provincia dásche conta de que a cousa se pon seria e, agora, valoras moitísimo chegar onde chegaches. O momento de inflexión entre xogar por diversión e tomalo en serio chega na División de Honra Xuvenil, que é como a máxima categoría no fútbol base, xa que comezas a ver un nivel de competición esixente. Aí dáste conta de que, quizais, o que de neno soñabas xa non está tan lonxe. Creo que, se segues un camiño e fas as cousas ben, todo chega. Por iso, nós cumprimos o noso soño, que é estar aquí agora. E é un orgullo tanto para min como para a miña familia.
David: Entrei no Lugo con 12 anos e fomos medrando, pasando ano tras ano, categoría tras categoría. Aínda que eu soñaba con chegar ao primeiro equipo e intentaba facer as cousas ben, esforzándome sempre ao máximo, víao complicado, xa que nunca destaquei na miña xeración, era un máis. Por iso, esforceime e coñecín xente que me axudou a mellorar. Despois de estar no filial do Lugo, o ano pasado xoguei cedido no Don Benito, en Segunda Federación, e foi a miña primeira experiencia fóra da casa, que, en xeral, valoro como positiva. Este ano xa formo parte do primeiro cadro de xogadores e sinto que estou a cumprir un soño. Eu creo que tamén, para a miña familia, despois de todo o esforzo, de levarnos ao meu irmán Pablo, que tamén é futbolista, e a min dun lado a outro, estamos todos a cumprir un soño.
Iago: Eu vin aquí en alevíns e gocei moito desa etapa porque xogaba ao fútbol cos meus compañeiros de clase e víao como un hobby. Despois fun en xuvenís ao Dépor e estiven tres anos, sendo a miña primeira experiencia fóra da casa con 16. Logo fun ao Girona, onde me ceden ao filial, que estaba en Segunda B, pero tamén fixen a pretempada co primeiro equipo. Non me quedo e cédenme ao Logroñés, e aí é onde si vexo máis preto o soño de ser profesional, porque era un equipo que xa aspiraba a ascender á Segunda División e, por sorte, tivemos a fortuna de facelo. Eu creo que ao que aspira calquera xogador é a chegar á Primeira División, e unha vez que te ves na Segunda División sentes que estás a facer posible o teu soño. Despois de estar en varios equipos, vou ao estranxeiro un ano e aí teño unha mala experiencia que me fai pensar que debería volver a Lugo, o lugar onde era feliz, e tiven a sorte de que se deu.
Que sacrificios supón dedicarse ao fútbol?
Iago: Eu creo que moitos, porque perdes moitos aspectos da vida, tanto familiares como de amizade, e sobre todo cando estás lonxe dos que máis queres, xa que iso é o máis importante. Pero, en fin, compensa porque estás a facer o que máis che gusta.
David: Para min o máis complicado son os momentos duros, nos que che gustaría estar cos teus e non podes facelo por amor e por deber á túa profesión. De todos os xeitos, eu creo que cando fas algo desde a paixón, desde o corazón, todo sacrificio compensa. Son anos nos que, non só para nós, tamén para a nosa familia, gozas dunha traxectoria que se basea no amor á nosa profesión, que é o fútbol.
Jorge: No meu caso, eu non tiven que marchar fóra e intento valorar todos os días o feito de estar na casa, porque neste mundo nunca se sabe onde podes estar o día de mañá. Pero, igualmente, dedicarse a isto tamén é duro, porque cando todo o mundo descansa, ti non. As fins de semana xógase a competición, o 1 de xaneiro ti adestras… Pero, sobre todo, é importante ver que non sufrimos sós. Non só a nosa familia, ao final tamén a parella que tes ao lado se adapta e cambia a súa vida por ti. Iso é de valorar. Igual que cando veñen os teus amigos verte xogar e están aí pase o que pase.
Cal é o seu obxectivo a longo prazo?
Jorge: Cada tempada é un mundo e pode cambiarche a vida, para ben ou para mal. Creo que sempre hai que ter na vida un obxectivo a longo prazo e pensar a onde queres chegar, pero primeiro debemos atender a esta tempada, na que se está a desenvolver un bo proxecto e na que se están a sentar unhas bases para construír un futuro que sexa un éxito tanto para a institución como para nós. Eu quero seguir no club e asentar unhas boas bases para o futuro, por iso hai que centrarse no día a día e facer as cousas ben.
David: Pola miña parte, no que ao profesional se refire, quero chegar o máis arriba posible. Se ademais é co club da miña cidade, mellor que mellor. O meu soño, agora mesmo, sería ascender á Segunda División co Lugo, porque é o club da miña vida. Pero é un obxectivo a longo prazo, polo que o máis importante agora mesmo é facer as cousas ben día a día, tratar de mellorar, ir adestrar e facelo o mellor posible por respecto aos meus compañeiros, ao club e a min mesmo. E a nivel persoal, quero seguir formándome para sentirme aproveitado, ter unhas boas bases no futuro, estea vinculado ou non a este mundo.
Iago: Chegar ao fútbol profesional co equipo da túa cidade é o máximo ao que podes aspirar. E no persoal, diríache que ter ou montar algún negocio é algo que se podería valorar, xa que a carreira dun futbolista é curta e tes que buscar outras alternativas.
Que opinan sobre o novo proxecto do club?
Jorge: Creo que, desde a directiva, o míster, o corpo técnico e nós, adaptámonos moi ben a este proxecto, no que cremos e confiamos.
Iago: A min gústame. De feito, asino co CD Lugo polo proxecto que ten arredor. Eu tiña certas dúbidas antes de vir aquí, pero solucionáronmas pronto porque vese que a xente ten ganas, que queren levar o club a onde se merece e a verdade é que estou moi contento por iso e oxalá se poida.
David: As cousas estanse a facer moi ben a todos os niveis, desde a xente encargada de dirixir o club ata o corpo técnico, así como os xogadores, que gañan no día a día polo saber estar, polo saber traballar… Eu creo que a liña que se segue no club é a axeitada. Sexa máis cedo ou máis tarde, os froitos acabarán por recollerse.
Cales son as vantaxes de xogar nesta categoría?
Iago: Canto máis alta é a categoría na que se xoga, máis infraestrutura hai arredor dos xogadores: contas con máis fisioterapeutas, médicos, as instalacións son mellores… Nesta categoría nós temos a sorte de contar cun campo súper coidado, unhas boas instalacións, porque ás veces xogamos en campos que non están en boas condicións para competir.
David: Eu non estiven na Segunda División e ao vir de máis abaixo vexo esta Liga como algo moi positivo. As instalacións, por exemplo, son moito mellores en 1 RFEF que en 2ª. Sobre todo, creo que se están a facer as cousas ben no Lugo para seguir con esa calidade.
Jorge: España é un moi bo escaparate, creo que temos moi bo nivel no fútbol e en calquera categoría hai moitísimo nivel, por iso se ven xogadores españois en todas partes. Ademais, podemos vivir disto, que é algo importante. Creo que estamos ben coidados: sempre temos roupa, non a levamos da casa, é un punto a favor. E tamén o tema do campo, que temos un dos mellores da Liga.
Cren que se está a crear afección coas accións sociais que se están a levar a cabo?
Jorge: Eu creo que o cambio de propiedade do club foi algo positivo para a entidade. Que veña xente nova e mostre interese polo equipo e pola cidade, intentando vincular os valores da provincia de Lugo ao club, é algo que crea afección. Por iso, o que se está a facer dentro do campo e fóra del está a promover que no medio-longo prazo recollemos os froitos do traballo e poidamos acadar o obxectivo do club. Estou orgulloso de pertencer e estar dentro deste proxecto.
David: Eu creo que, a nivel de política de integración de empresas, colexios… estase a retomar esa actividade para crear unha atmosfera na que todo o mundo se sinta integrado no Club Deportivo Lugo, e é o noso deber como xogadores transmitir esa identidade para que as persoas que veñen ver o partido se sintan identificadas connosco. Creo que o traballo que se está a facer desde todos os departamentos do club en favor desa política de integración é impecable e así se ve, que cada vez se está a volver enganchar máis xente, xerando un vínculo coa afección que quere ser partícipe do club.
Iago: Si, penso coma os meus compañeiros. Eu vexo que se está a facer moi ben, están a atraer xente que se desvinculara do club a través deste tipo de iniciativas. É unha liña a seguir, porque cada vez se enganchan máis ao club, e iso é bo para o club e para a cidade.