Chucho Valdés abrirá o XXXV Festival de Jazz de Lugo cun concerto no auditorio Fuxan os Ventos

O XXXV Festival de Jazz de Lugo xa ten confirmado o primeiro dos seus artistas principais. O pianista cubano Chucho Valdés, recoñecido como un dos intérpretes máis influentes do jazz latino e figura indiscutible do afrocubano, ofrecerá un concerto o martes 11 de novembro ás 20:30 horas no auditorio Fuxan os Ventos da capital lucense.
A súa presenza será un dos momentos destacados do certame, ao chegar acompañado do Royal Quartet, formación completada por José Armando Gola ao contrabaixo e baixo eléctrico, Roberto Vizcaíno Jr. na percusión e Horacio “El Negro” Hernández á batería. Xuntos presentan o álbum Cuba & Beyond (InnerJazz, 2024), nominado aos Latin Grammy 2025, que inclúe composicións como Tatomania, Mozart a la cubana ou Armando’s Rhumba, unha homenaxe persoal a Chick Corea.
Valdés, de 83 anos, acumula máis de seis décadas de carreira musical, nas que recibiu galardóns como o Lifetime Achievement Award da Academia Latina de Artes e Ciencias da Gravación, a distinción NEA Jazz Masters 2025 –o maior recoñecemento que pode acadar un músico de jazz nos Estados Unidos– ou o Gran Premio Leonard Bernstein “Pola Elevación da Música na Sociedade”. Tamén forma parte do Salón da Fama dos Compositores Latinos.
Fillo do mítico Bebo Valdés, Chucho comezou a tocar o piano con apenas tres anos e destacou moi novo polo seu dominio técnico e creatividade. Formouse no Conservatorio Municipal de Música da Habana e acadou o recoñecemento internacional como fundador de Irakere, o grupo creado en 1973 xunto a Paquito D’Rivera que revolucionou o jazz latino cunha fusión de ritmos rituais afrocubanos, música popular, danza, jazz, música clásica e rock.
A súa capacidade para reinventarse en cada traballo e a combinación de virtuosismo, enerxía e mestura de estilos fan del unha referencia mundial, que este novembro converterá a Lugo en capital do jazz.