A CIG-Saúde reclama ao Sergas recuperar a xestión pública dos servizos de dietética hospitalaria

A CIG-Saúde presentou un escrito ante o Sergas para reclamar a reversión á xestión pública dos servizos de dietética hospitalaria que actualmente son prestados por empresas privadas, con especial incidencia nas áreas sanitarias de Santiago e Lugo.
A organización sindical xa denunciara recentemente a continuidade da externalización deste servizo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde, segundo sinala, se pretende manter en mans dunha empresa privada funcións que forman parte da actividade ordinaria e estrutural dos centros hospitalarios.
A situación, segundo a CIG-Saúde, tamén se reproduce noutros centros sanitarios, tanto mediante a externalización específica dos servizos de dietética como a través de contratos máis amplos de privatización dos servizos de cociña que inclúen estas funcións, como sucede nalgúns hospitais comarcais.
A central considera que esta situación representa unha nova mostra da política privatizadora do PP na sanidade pública galega, ao manter en mans de empresas privadas funcións para as que o propio SERGAS conta cunha categoría profesional específica.
A CIG-Saúde sinala ademais que existen profesionais dispoñíbeis nas listas de contratación de persoal técnico superior en dietética. Por este motivo, defende que o SERGAS dispón dos mecanismos necesarios para recuperar estes servizos, crear as prazas estruturais precisas e cubrilas con persoal propio.
“Non ten sentido destinar cartos públicos a empresas privadas para realizar funcións que pode asumir directamente o Sergas, mentres hai profesionais nas súas propias listas dispoñíbeis para traballar”, denuncia CIG-Saúde.
A organización sindical reclama que o Sergas analice a situación dos servizos de dietética no conxunto dos hospitais públicos galegos e poña en marcha un proceso para recuperar a súa xestión pública. A petición abrangue tanto os casos nos que o servizo está externalizado de maneira específica como aqueles nos que as funcións de dietética están incluídas dentro dun contrato privado máis amplo de cociña.
A CIG-Saúde tamén levará esta cuestión á próxima Mesa Sectorial de Sanidade. Nese foro reclamará información sobre a situación dos servizos de dietética e esixirá a creación das prazas necesarias para que estas funcións sexan desenvolvidas directamente polo Sergas.
“Unha necesidade estrutural da sanidade pública debe cubrirse con emprego público. O Sergas ten persoal dispoñíbel e capacidade para recuperar estes servizos; o que fai falta é vontade política para deixar de alimentar a privatización”, conclúe CIG-Saúde.