Ciudadanos propón crear un plan para previr a violencia adolescente e o bullying cibernético

LugoXa
Ciudadanos propón ao Pleno implementar un Plan coordinado para previr a violencia adolescente e o bullying cibernético
mobil tecnoloxia 1
22 Nov 2022

O concelleiro de Ciudadanos, Juan Vidal-Pardo, anunciou esta mañá que o seu grupo propoñerá no pleno do próximo xoves poñer en marcha un Plan municipal coordinado contra a violencia entre menores, con accións correctivas e preventivas. «Esta iniciativa ten por obxectivo crear unha acción coordinada transversal, da que formen parte as diferentes áreas de goberno, as forzas de seguridade, así como as institucións e asociacións que se considere necesario desde o goberno municipal para intervir no que é un fenómeno cada vez máis habitual e que ten unhas consecuencias incriblemente lesivas para o desenvolvemento de toda unha xeración de lucenses. É un órgano transversal para tratar a violencia adolescente e previr o bullying na redes a nivel local», explicou o concelleiro da formación laranxa.

«O fenómeno das redes sociais e as novas formas de relación social entre menores tornouse máis complexo na nosa contorna e desde as institucións temos a obrigación de servir de apoio e sostén aos menores adolescentes garantindo que as ferramentas adecuadas en todo este proceso estean ao seu alcance. No caso concreto de Lugo, preocúpanos a alerta lanzada no pasado mes de setembro da Unidade de Delitos Especializados e Violentos de Lugo (UDEV) sobre difusión de contidos potencialmente prexudiciais para os menores, que existen en diferentes contas sociais, que a súa vez están controladas por menores. Dita denuncia chegounos tamén a través de pais e nais preocupados por este fenómeno no que ven involucrados aos seus fillos. Trátase dunha práctica habitual sobre a que se constatan feitos moi traumáticos e a que se debe poñer coto a través da concienciación e o traballo pedagóxico, así como por medio da acción policial preventiva», sinalou o edil.

«Este problema sen dúbida ten unha dimensión transversal, por iso a nosa proposta aposta por incluír aos diferentes axentes que deben implicarse, tales como a Policía Local, Policía Nacional e Subdelegación do goberno en Lugo, a comunidade educativa e o tecido asociativo», dixo Vidal-Pardo quen destacou que as competencias municipais sobre este problema son moitas e diversas o que "permite afrontar o problema desde diversas perpectivas".

0.17040109634399