Clausurado en Lugo o Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía centrado na dignidade e os coidados

O Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía ‘Vivir máis, vivir mellor: dignidade, dereitos e coidados’ pechou as súas portas no Pazo de San Marcos tras varias xornadas de reflexión e intercambio de coñecementos arredor do envellecemento e os modelos de atención integral.
O acto de clausura contou coa participación do presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, José María Faílde, xunto con outras autoridades. A cita conseguiu encher o Salón de Actos e reuniu a preto de 50 relatores e profesionais sanitarios, investigadores especializados en envellecemento e ciencias sociais, ademais de xestores, responsables de políticas públicas, servizos sociosanitarios e persoas interesadas nos sistemas de atención ás persoas maiores.
Durante a clausura, o deputado provincial destacou a importancia de construír unha sociedade centrada nos coidados e no acompañamento ás persoas maiores. “Unha sociedade verdadeiramente avanzada é aquela que sabe coidar, acompañar e escoitar e que entende o valor de toda unha vida”, sinalou.
A propia Deputación Provincial tivo tamén un papel destacado nunha das mesas redondas do congreso, na que presentou o seu modelo de residencias. Trátase de centros de pequeno tamaño asentados no rural da provincia e orientados a unha atención centrada nas persoas e nas súas necesidades.