Coeses e Ribas de Miño contarán cun investimento de 122.481 euros para mellorar os seus accesos

LugoXa
As obras forman parte do Plan de Mellora de Camiños Rurais AGADER 2026-2027 e buscan reforzar a seguridade e a transitabilidade no rural
Miguel-Fernández-rural-Lugo
3 Mar 2026

A Área de Medio Rural do Concello de Lugo destinará 122.481 euros á mellora dos accesos aos núcleos de Trasfontao e Pollido, na parroquia de Coeses, e ao lugar de Ribadelo, en Ribas de Miño, dentro da planificación municipal para reforzar as infraestruturas viarias no rural.

O Concello decidiu canalizar estas actuacións a través do Plan de Mellora de Camiños Rurais AGADER 2026-2027, optimizando os recursos dispoñibles e asegurando financiamento para actuacións prioritarias.

As intervencións foron determinadas pola área de Medio Rural aplicando o Plan Director de Mellora Integral das Parroquias, tendo en conta criterios técnicos como o nivel de uso veciñal, o estado de deterioro dos firmes e a necesidade de garantir condicións adecuadas de seguridade e transitabilidade.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que estas obras responden a unha necesidade técnica e forman parte dun compromiso sostido coa dignificación do rural lucense. “Non hai lucenses de primeira e de segunda segundo vivan dentro ou fóra da Muralla. O noso rural ten as súas necesidades particulares e a renovación dos accesos aos núcleos é unha delas, porque falamos de servizos básicos, de seguridade e de igualdade de oportunidades. Investir nos camiños é investir en cohesión territorial e en xustiza para as nosas parroquias”, subliñou.

As obras permitirán reforzar o firme, mellorar a drenaxe e garantir unha circulación máis segura, facilitando os desprazamentos diarios da veciñanza e o acceso a explotacións agrogandeiras e vivendas.

Fernández lembrou que Lugo conta cun dos territorios rurais máis extensos de Galicia, sendo o máis amplo entre todas as capitais de provincia galegas, unha realidade que supón un importante esforzo organizativo, técnico e orzamentario. “Manter en condicións óptimas unha rede tan ampla de vías require planificación, recursos e unha aposta política clara polo equilibrio entre o urbano e o rural”, concluíu.

0.1196141242981