Comenzan as obras da estrada de Carballido a Poutomillos por Santalla de Bóveda
A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de aglomerado na estrada provincial LU-P-2903, a que comunica Carballido con Poutomillos por Santalla de Bóveda, no concello de Lugo. Uns labores que forman parte dun proxecto de renovación da vía para o que a institución provincial destina 120.000€.
Estes traballos de aglomerado, que afectan ao treito da estrada comprendido entre os puntos quilométricos 5,7 e 7,7, dan continuidade aos xa realizados de reapertura das cunetas, eliminando a vexetación e os aterramentos, ademais da drenaxe nos pasos salvacunetas para garantir a evacuación das augas. Unha vez quede rematada a fase de pavimentación, porase a sinalización con marcas viais reflexivas brancas.
A empresa adxudicataria da obra é OVISA Pavimentos e Obras SLU, que ten un prazo de 2 meses para acometer os traballos.
A estrada LU-P-2903 é utilizada diariamente como principal vía de comunicación polos veciños e veciñas de varias parroquias de Lugo, tamén polos peregrinos do Camiño de Santiago e dá servizo aos visitantes que se achegan a unha das xoias romanas da provincia, como é o Santuario de Santalla de Bóveda. Así mesmo, esta vía enlaza coa estrada provincial LU-P-2901, que une Lugo e Guntín, á altura da parroquia lucense do Burgo.