Comeza a instalación da rampla no Miño tras o traslado dos mexillóns
Os servizos municipais do Concello de Lugo puxéronse en marcha para comezar os traballos de instalación dunha nova rampla de acceso ao río Miño. A alcaldesa, Paula Alvarellos, xunto cos edís de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, e de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, supervisaron o inicio das obras, que na primeira xornada se centran na preparación do terreo e na instalación da pasarela.
A nova infraestrutura, que contará cunha superficie de PVC antiescorregadiza imitando a madeira, ten unhas dimensións de dous metros de ancho por cinco de longo. Para garantir a seguridade dos usuarios, instalaranse varandas metálicas suxeitas con cordas náuticas.
Durante a instalación, prestouse especial atención a non danar o leito do río. Ademais, balizáronse zonas específicas para protexer a fauna local, incluíndo un área con alta densidade de mexillóns, e sinalizouse o acceso máis cómodo ao río mediante boias. Este proxecto supón unha mellora significativa no acceso ao Miño, asegurando que os veciños e visitantes poidan desfrutar do río de forma segura e respectuosa co medio ambiente.