Comeza a peonalización da rúa Milagrosa para mellorar a accesibilidade e sustentabilidade do barrio

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, visitou a rúa Milagrosa acompañado de veciños e veciñas para anunciar o inicio da peonalización do tramo comprendido entre as rúas Mallorca e Xulia Minguillón.
Este proxecto, que será levado a cabo pola empresa Urbaconsa cun investimento de 409.005,80 euros, permitirá completar un corredor peonil que conectará a praza da Milagrosa coa praza de Bretaña, facilitando un percorrido seguro e accesible para toda a veciñanza.
Ademais da humanización da rúa, a obra inclúe a renovación completa da rede de abastecemento de auga, substituíndo as antigas tubaxes de PVC por tubaxes de fundición dúctil, e a instalación de novas válvulas, bocas de rego e de incendio para garantir a seguridade e durabilidade do sistema.
Tamén se instalará unha liña de rígola en ambas marxes da calzada para mellorar a drenaxe superficial, dirixindo a auga cara aos sumidoiros e aos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS), o que reducirá o volume de auga que chega ao sistema municipal.
Nos últimos anos, o Concello avanzou na transformación urbana da zona norte da cidade con peonalizacións en rúas como Divina Pastora, Agro do Rolo, e partes da Milagrosa e Curros Enríquez. Recentemente, tamén se peonalizaron as rúas Luis Seoane e Camiño Real, creando unha rede de espazos peonís que reforzan o compromiso coa mobilidade sostible.
Rubén Arroxo destacou que a zona da Milagrosa é xa un punto clave de encontro e dinamización social e económica no barrio, e que este proxecto ampliará ese impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal.