Comeza a rehabilitación do soto da Praza de Abastos de Lugo
A rehabilitación do soto da Praza de Abastos de Lugo iniciarase o vindeiro xoves, día 18, segundo vén de confirmar o Concello. Os traballos teñen un prazo de execución de 75 días e contan cun orzamento de 586.625 euros.
O proxecto para a rehabilitación do soto inclúe a renovación de instalacións e servizos, como electricidade, auga, telecomunicacións e calefacción, ademais de mellorar a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, explicou que "esta rehabilitación permitirá completar a renovación da Praza de Abastos, que se unirá á peonalización de Quiroga Ballesteros para que a veciñanza de Lugo conte cunha zona emblemática da cidade completamente renovada". Con estas actuacións o Concello busca, dixo, "unha Praza de Abastos na que todas as veciñas e veciños poidan ir facer as súas compras nun entorno amable e accesible".
MERCADO TRADICIONAL
Mentras duren os traballos, o tradicional mercado dos martes e venres, de 8.30 a 14.30 horas, desenvolverase na carpa habilitada para elo na praza da Soidade.
A carpa ten cabida para 44 postos e a súa disposición farase tendo en conta a separación requirida para garantir o cumprimento da distancia de seguridade interpersoal entre as vendedoras e as persoas que se acheguen a mercar.