Comeza a rehabilitación do soto da Praza de Abastos de Lugo

LugoXa
Os traballos comezarán o vindeiro xoves. Teñen un prazo de execución de 75 días e un orzamento de case 600.000 euros
praza abastos lugo
15 Feb 2021

A rehabilitación do soto da Praza de Abastos de Lugo iniciarase o vindeiro xoves, día 18, segundo vén de confirmar o Concello. Os traballos teñen un prazo de execución de 75 días e contan cun orzamento de 586.625 euros.

O proxecto para a rehabilitación do soto inclúe a renovación de instalacións e servizos, como electricidade, auga, telecomunicacións e calefacción, ademais de mellorar a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, explicou que "esta rehabilitación permitirá completar a renovación da Praza de Abastos, que se unirá á peonalización de Quiroga Ballesteros para que a veciñanza de Lugo conte cunha zona emblemática da cidade completamente renovada". Con estas actuacións o  Concello busca, dixo, "unha Praza de Abastos na que todas as veciñas e veciños poidan ir facer as súas compras nun entorno amable e accesible".

MERCADO TRADICIONAL

Mentras duren os traballos, o tradicional mercado dos martes e venres, de 8.30 a 14.30 horas, desenvolverase na carpa habilitada para elo na praza da Soidade.

A carpa ten cabida para 44 postos e a súa disposición farase tendo en conta a separación requirida para garantir o cumprimento da distancia de seguridade interpersoal entre as vendedoras e as persoas que se acheguen a mercar.

0.16820693016052