Comeza a Semana Santa 2026 en Lugo co pregón na Igrexa da Nova

A Semana Santa de Lugo 2026 arrincou coa lectura do pregón na Igrexa da Nova, que correu a cargo de José Antonio Roldán, comandante militar de Lugo e xefe do Campo de Manobras e Tiro de Parga, marcando o inicio dun amplo programa de actos relixiosos e culturais.
As actividades continuarán este xoves, 26 de marzo, coa celebración do II Concerto “A música tradicional galega nas marchas procesionais”, interpretado por Bruno Vilamor no Auditorio do Vello Cárcere. O 27 de marzo terá lugar o solemne Vía Crucis na praza Pío XII e na Catedral, presidido polo bispo Alfonso Carrasco Rouco, no que o paso do Cristo de Misericordia será levado por 40 mulleres. Xa o 28 de marzo desenvolverase o IX Concerto de Música Sacra na Igrexa de San Pedro, a cargo da Banda Filarmónica de Lugo.
Durante a Semana Santa, o 29 de marzo, Domingo de Ramos, abrirán as procesións a Borriquita e a Virxe das Dores. O Luns Santo será a quenda da Virxe da Esperanza, mentres que o Martes Santo sairán en procesión o Bo Xesús e o Nazareno. O Mércores Santo percorrerán as rúas o Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade, e o Xoves Santo celebrarase a procesión da Santa Cea.
O Venres Santo terá lugar un dos momentos máis destacados coa saída da Paixón do Señor, o Desencravo, o Santo Enterro e a Virxe da Sociedade, coñecida como As Caladiñas. O Sábado Santo desenvolveranse as procesións da Virxe da Piedade e do Santo Rosario, xunto co Vía Crucis, rematando coa solemne Vixilia Pascual. Finalmente, o Domingo de Pascua celebrarase o Santo Encontro, a Misa Pontifical de Resurrección e a procesión do Cristo Resucitado ao remate da celebración relixiosa.