Comeza a veda do polbo en Galicia e rematará o 1 de xullo

TerraChaXa | LugoXa
29 Maio 2020

A veda do polbo en Galicia comeza hoxe venres e rematará o 1 de xullo de 2019. Así o especifica a resolución pola que se aproba o plan experimental para a xestión desta especie durante a campaña 2020/2021 que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). Nela establécese que o período de veda do polbo para este ano vai das 16.00 horas do venres, 29 de maio, ata as 05:00 horas do mércores 1 de xullo. Non obstante, as capturas desembarcadas o 29 de maio poderán ser comercializadas tamén o 30 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.

O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan da especie, co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

Plan 2020-2021

A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra en vigor o venres e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este plan, a partir do día 1 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura da especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádense 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, aos que se engaden 50 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilos por día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06.00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05:00 horas- e finalizará ás 16:00 horas. Mentres, o descanso semanal desenvolverase desde as 16:00 horas do venres ata as 06:00 horas do luns. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados e a bordo.

En canto ao réxime de calamento das nasas de cabo Silleiro a Corrubedo, os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu caladoiro sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.

Na zona de Con da Aguieira a cabo Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levarse a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal.

A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías e os servizos contratados ao efecto.

0.14973592758179