Comeza en Antas de Ulla un curso sobre xestión de piñeiros

LugoXa
AgacaL organiza a semana que vén na Casa da Cultura de Antas de Ulla un curso de 40 horas sobre xestión integral de piñeiros.
pineiro pino forestal arbores
10 sep 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana que vén na Casa da Cultura de Antas de Ulla un curso sobre xestión integral de piñeiros. A iniciativa está previsto que se desenvolva entre o 13 de setembro e o 18 de outubro, nun total de nove días con 40 horas de formación entre teoría e práctica.

O obxectivo é identificar os diferentes aproveitamentos complementarios da madeira de piñeiro, principalmente a resina, os cogomelos e o gando. Así, búscase dotar aos profesionais ou propietarios forestais das competencias referentes a estes aproveitamentos, achegándolles coñecementos e ferramentas relacionados como as técnicas de extracción de resina existentes ou a identificación de cogomelos e o seu establecemento a través da micorrización.

Así, a acción comezará cunha introdución sobre a situación do sector forestal en Galicia, para seguir falando do aproveitamento do piñeiro e dos modelos silvícolas, do aproveitamento resineiro nos piñeirais e dos métodos de extracción de resina. Posteriormente trataranse os sistemas silvopastorais e o aproveitamento micolóxico contemplando a produción, a recolección e a comercialización, así como a identificación de distintas especies de interese culinario.

Canto á parte práctica, o curso non só contará cunha visita guiada para ver en campo os diferentes aproveitamentos referidos senón tamén con prácticas específicas de extracción de resina, de micorrización ou de análise da viabilidade económica das opcións propostas.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional poñéndose en contacto co coordinador do curso no teléfono 981546689.

0.18754291534424