Comeza en Becerreá un curso sobre reprodución de gando vacuno

LugoXa
Programada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a iniciativa está previsto que se desenvolva entre o luns 13 e o 17 de setembro.
vacas leite
10 sep 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana que vén no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá un curso sobre reprodución no gando vacún. A iniciativa está previsto que se desenvolva entre o vindeiro luns 13 de setembro e o venres 17, cun total de 20 horas de formación en horario de mañá.

O obxectivo desta acción é que os alumnos coñezan as partes e o funcionamento do aparato reprodutor do gando vacún, así como a fisioloxía da reprodución. A maiores, búscase que adquiran nocións sobre xenética e a súa importancia á hora de elixir as futuras reprodutoras e sementais, ademais de sobre as técnicas de inseminación artificial e os diferentes sistemas para a indución ao celo.

A formación inclúe prácticas de introdución de catéter en matrices e de inseminación en vacas, así como contidos sobre a seguridade e a hixiene neste tipo de traballos. Concluirá cunha visita a Xenética Fontao, empresa pública que ten entre os seus obxectos a prestación de toda clase de asesoramento e servizos ás persoas e organizacións dedicadas á mellora xenética animal, así como a realización de estudos e actividades de servizo en relación con este eido.

Este curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico jesus.lopez.lopez@xunta.es. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional poñéndose en contacto co coordinador do curso no teléfono 982828373.

0.18730807304382