Comeza en Piúgos un novo curso de cerámica para fomentar a participación veciñal

A parroquia luguesa de Piúgos deu inicio a un novo curso de cerámica organizado pola área de Participación do Concello de Lugo en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación.
As persoas asistentes teñen a oportunidade de achegarse ás técnicas básicas da elaboración de pezas de cerámica, combinando formación teórica e práctica. Durante o curso abórdanse cuestións como o recoñecemento dos materiais necesarios, a aprendizaxe de métodos para realizar distintas pezas e a elaboración de diferentes acabados.
“Estamos a comprobar como estes cursos non só transmiten coñecementos, senón que tamén fortalecen o tecido comunitario e animan á veciñanza a participar activamente”, destacou Cristina López, concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, quen engadiu que “é unha forma de apoiar ás asociacións e continuar a achegar coñecementos á veciñanza”.