Comeza mañá a campaña extractiva do polbo, da nécora e do lumbrigante
Mañá comeza en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2021 que se fixará a través do correspondente plan e se publicará antes do seu comezo. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2020/2021. Ademais, tal e como establece o plan xeral de explotación marisqueira vixente, mañá tamén comeza a campaña extractiva da nécora e do lumbrigante, que permanecerá autorizada ata o vindeiro 31 de decembro, día incluído.
En canto ao polbo, o plan consensuado pola Consellería do Mar e o sector para esta especie permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este documento, a partir do día 1 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No resto de campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilos por día.
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06.00 horas -aínda que poden saír do porto ás 5.00 horas- e finalizará ás 16.00 horas. Mentres, o descanso semanal desenvolverase desde as 16:00 horas do venres ata as 6.00 horas do luns. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.
En canto ao réxime de calamento das nasas de cabo Silleiro a Corrubedo, os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu caladoiro sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.
Na zona de Con da Aguieira a cabo Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levarse a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal.
A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías e os servizos contratados ao efecto.
Nécora
En relación coa nécora, as medidas de xestión para a súa explotación desenvólvense nun plan experimental para a xestión desta especie e do camarón coa arte de nasa para nécora e camarón. A vixencia deste plan é ata o 30 de xuño de 2021.
Nel establécese o número de nasas permitido segundo o tamaño da embarcación e o número de tripulantes enrolados e a bordo. Ademais especifica que o horario de lance de nasa de nécora e camarón será nocturno con excepcións na ría de Arousa e de Vigo, nas que o calamento tamén poderá ser diúrno. Unha vez cumprido o horario de traballo, deberán ser levadas a porto diariamente.