Comeza o Lugo Máxico con actividades para todas as idades

Comeza o Lugo Máxico 2025, unha cita que ofrecerá 28 actividades entre o 19 e o 24 de maio, incluíndo galas, actividades nos centros de ensino e a tradicional sesión de maxia no HULA, prevista para o venres 23 ás 13:00 horas, coa participación dos magos David Méndez, Marcos Waldemar, David Navares e Nacho Samena.
A programación arranca esta tarde de luns, 19 de maio, con David Navares, que presenta o seu espectáculo na Praza da Milagrosa e ás 20:30 horas haberá no Vello Cárcere cunha conferencia divulgativa a cargo de Xosé Díaz e Belén Fernández, titulada 'O Misterioso Dr. Saa: A historia do Conde de Waldemar, Ilusionista, Prestidixitador e Telépata'.
O mesmo espazo acollerá a exposición 'O conde de Waldemar', con visitas guiadas os días 20, 21 e 22: ás 11:00 horas e 12:30 horas para escolares, e ás 17:30 horas e 19:00 horas para adultos.
Tamén haberá catro actividades de maxia na rúa protagonizadas polo mago David Navares e o seu espectáculo 'A Maxia dun Trotamundos', que poderá verse na praza da Milagrosa o 19 de maio ás 19:00 horas; o 20 de maio ás 19:00 horas en Augas Férreas; o 21 de maio ás 13:00 horas na praza Maior e ás 19:00 horas na praza do Castiñeiro; e o 22 de maio ás 19:00 horas na Mosqueira.
O Lugo Máxico 2025 contará con dúas grandes galas no auditorio Fuxan os Ventos. O 23 de maio, ás 20:30 horas, o Mag Edgard presentará o seu espectáculo 'Mutis e a Maxia'. O sábado 24 celebrarase a Gala Lugo Máxico, tamén ás 20:30 horas, coa participación dos magos Cayetano Lledo, Charlie Mag, Kiko Pastur, Celia Muñoz, Miguel Muñoz, Nacho Samena e Marcos Waldemar.