Comeza o XIX Encontro da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego

LugoXa
Baixo o lema 'Labregas organizadas. Feminismo e loita pola nosa Terra', as participantes abordarán diversas cuestións relacionadas co feminismo
encontro-mulleres-sindicato-labrego-galego-chantada2
8 Mar 2025

Lugo acolle o XIX Encontro da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, un evento clave para fortalecer a sementeira feminista no rural galego.

Baixo o lema 'Labregas organizadas. Feminismo e loita pola nosa Terra', as participantes abordarán diversas cuestións relacionadas co feminismo e o papel das mulleres no sector agrario.

O evento terá lugar no Vello Cárcere e comezará hoxe, sábado 8 de marzo, ás 11.30 coa benvida das afiliadas da comarca e das compañeiras da Plataforma Feminista de Lugo, contando coa intervención de María Ferreiro Santos, responsable da Secretaría das Mulleres do SLG.

A primeira mesa de debate versará sobre a representación e transformación das políticas públicas desde unha perspectiva labrega e feminista.

Neste espazo intervirán María Ferreiro, Isabel Álvarez, que presentará o estudo 'Participación política das mulleres labregas no Estado español', e Guillermina Fernández Villar, investigadora da USC, que analizará o impacto dos proxectos agrarios no relevo xeracional. A xornada da mañá concluirá cun xantar a cargo de Biobocado no albergue Lug2.

A tarde estará dedicada á historia das mobilizacións labregas en clave de memoria e resistencia, con Ana Cabana como relatora. Máis tarde, as asistentes participarán nunha videoconferencia con Bilal Vialba Seivane, integrante da Vía Campesina. A xornada rematará ás 19.30 horas coa participación na manifestación feminista organizada pola Plataforma Feminista de Lugo.

O domingo 9 de marzo, as actividades continuarán cunha dinámica de traballo sobre a organización e empoderamento das labregas, seguida dun intercambio de sementes labregas baixo o título 'Feminismo, a nosa semente de vencer'.

Tras o peche do encontro, as asistentes compartirán un xantar no albergue Lug2 e, pola tarde, visitarán a Casa Bértolo en Friol, unha granxa dedicada á leite ecolóxica con queixería tradicional.

O evento, de carácter interno, supón unha oportunidade para reforzar a rede de mulleres labregas e avanzar na loita feminista no sector agrario galego.

⚙ Configurar cookies
0.16985297203064