Comeza unha nova fase de actuacións no xacemento de Corro dos Mouros de Lugo

LugoXa
A investigación en Corro dos Mouros continúa achegando novos datos que poderían ser clave para entender mellor este tipo de estruturas singulares en Galicia
corro-dos-mouros-adai
4 sep 2024

Inician unha nova fase de actuacións no xacemento de Corro dos Mouros, situado en Santa María Madalena de Adai (Lugo). O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o xacemento para supervisar o proxecto de investigación, levado a cabo pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Buscan mellorar a delimitación e o coñecemento do contexto inmediato deste xacemento arqueolóxico, que data do final da Idade de Bronce.

Nesta segunda fase da campaña de 2024, as actuacións inclúen a realización dunha prospección xeofísica, empregando técnicas avanzadas como o xeorradar e o gradiómetro. Estas técnicas non invasivas permiten a medición das propiedades do subsolo sen necesidade de escavacións, creando mapas detallados que poderían revelar a presenza de restos arqueolóxicos ocultos. A prospección cubrirá unha superficie máxima de 1.200 m² co xeorradar e 6.000 m² coa prospección magnética.

O xacemento de Corro dos Mouros destaca pola súa forma circular, delimitada por un parapeto ben definido, cun diámetro externo duns 52 metros. Este tipo de xacemento, coñecido como "roda", está nunha fase inicial de investigación en Galicia, onde só se teñen investigado 13 xacementos similares e detectado outros 50. Os estudos preliminares suxiren que estes sitios poderían ter unha función funerario-ritual, dado que se localizaron enterramentos en fosa nalgúns deles. Non obstante, outra liña de investigación propón que estes xacementos poderían ser proto castros do Bronce Final, con posible uso habitacional e doméstico. A investigación en Corro dos Mouros continúa achegando novos datos que poderían ser clave para entender mellor este tipo de estruturas singulares en Galicia.

0.097063064575195