Comezan as obras de demolición do Carril das Flores para renovar a entrada á cidade

LugoXa
O proxecto busca mellorar a estética e a accesibilidade, transformando a zona nun corredor peonil e unificando os espazos urbanos
obras-Carril-das-Flores-Lugo
12 Jan 2026

A Tenencia de Alcaldía de Lugo iniciou as obras de demolición da actual estrutura do Carril das Flores, dentro do proxecto de renovación integral deseñado para “completar a renovación da entrada á cidade a través do Camiño Primitivo e mellorar un dos puntos de maior feísmo da cidade”, explicou o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo. “Comezamos coa obra de demolición de todo este túnel, e posteriormente construiráse unha pasarela moito máis estreita que permita a entrada de luz na zona inferior”, engadiu, sinalando que esta actuación está ligada á peonalización da entrada do Camiño Primitivo ata a Muralla e transformará por completo a zona, ofrecendo un acceso digno desde Fontiñas ao centro.

A nova pasarela manterá a súa ubicación próxima á Rolda da Muralla, pero será unha estrutura metálica lixeira sobre piares e vigas con cimentación soterrada. “Deste xeito conseguimos que o muro orixinal se vexa íntegro e ampliamos o ancho da parte inferior en, polo menos, 1,2 metros”, indicou Arroxo. A actuación busca unha integración estética que proporcione continuidade coa Mosqueira e a praza do Camiño Primitivo, dando unha imaxe de uniformidade ao longo do Carril das Flores. A parte superior conservará o pavimento de plaqueta, mentres que a nova calzada contará con formigón e unha zona peonil en granito, acompañada de xardineiras de aceiro Corten e bancos novos.

Na zona inferior instalarase un falso teito de cor clara para crear contraste e mellorar a percepción visual do espazo. O Carril das Flores converterase nunha plataforma única con zonas claramente diferenciadas para peóns e vehículos procedentes do aparcamento. Ademais, renovaranse o alumeado, soterrando as canalizacións e ampliando a rede para eliminar as zonas escuras, reutilizando columnas de fundición recuperadas do casco histórico e implantando iluminación LED.

Tamén se actualizará o sistema de drenaxe mediante unha canaleta longitudinal que recolla toda a auga superficial, dado que a pendente da zona non permite drenaxe oculta. As canalizacións de saneamento e a rede de abastecemento renovaranse substituíndo o PVC por fundición dúctil, con novas bocas de rego e incendio, e instalarase rego automático nas áreas verdes.

Rubén Arroxo destacou que estas actuacións avanzan no concepto da “cidade dos 5 minutos”, na que calquera persoa teña, en menos de cinco minutos, un espazo de estancia ao aire libre. A obra permitirá tamén impulsar o corredor peonil leste-oeste da cidade, un gran paseo que conectará o barrio de Fontiñas co río, atravesando o Carril das Flores, a Mosqueira, a Ronda da Muralla e chegando ao Recatelo, coa futura pasarela que enlazará con Magoi e o parque Marcos Cela.

⚙ Configurar cookies
0.25184798240662