Comezan as obras de rehabilitación integral no IES Anxel Fole

LugoXa
Comezan as obras de rehabilitación no IES Anxel Fole que executa a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Obras IES Anxel Fole
Obras IES Anxel Fole
22 mar 2023

O Instituto de Educación Secundaria Anxel Fole conta cunhas obras de rehabilitación integral ás que se destina un orzamento de 1.386.650 euros e que está a executar a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Os traballos que se están a realizar inclúen a reforma e redistribución de espazos e un paquete de medidas orientadas a conseguir unha maior eficiencia enerxética.

Entre as primeiras, cabe destacar a ampliación da biblioteca e a reforma de dúas aulas auxiliares, os aseos da planta segunda no bloque principal e a zona de vestiarios do bloque 2. Tamén se van pintar todos os paramentos interiores, puliranse os solados de terrazo e instalarase falso teito modular, entre outras actuacións.

No que respecta ás medidas que reducirán o consumo enerxético, revístese a fachada con illamento térmico e zócalo antihumidade na zona inferior; tamén se instala illamento térmico na cara inferior dos forxado dos porches e na cara superior do forxado en contacto co baixo cuberta.

Así mesmo, substitúense as carpinterías exteriores por unhas de maior estanquidade ao aire e resistencia térmica -vidro dobre con cámara de aire-, e as caixas de persianas por un sistema “monoblock” con illamento incorporado.

A iluminación será outro apartado que axudará a mellorar o rendemento enerxético, dado que se van incorporar luces LED (preto de 600 luminarias), con sistemas de regulación multisensor que graduarán o fluxo en función da luz natural, e con detectores de presencia nas zonas comúns.