Comezan as obras que completarán o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena

Xa están en marcha os traballos que completarán os 2,7 quilómetros do desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, en Lugo.
O proxecto, que conta cun investimento de 1,3 millón de euros, contempla o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena no treito comprendido entre a glorieta Garaballa de Arriba e á de Benigno Rivera.
Este tramo, cunha lonxitude total de 456 metros, contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido.
Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con árbores, iluminación, bancos e papeleiras.
Estes traballos tamén inclúen a renovación e dotación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables.
A nova fase da obra manterá as características dos tramos xa executados: unha plataforma de 32,5 metros de ancho, con dous ou tres carrís por sentido, carrís bici, beirarrúas, mobiliario urbano como bancos e papeleiras, así como zonas arboradas. Ademais, acometerase a renovación das redes de abastecemento, saneamento e alumeado, preparándose así a infraestrutura por se no futuro se decide urbanizar a zona.
A DEPUTACIÓN E O CONCELLO DE LUGO
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde da cidade, Miguel Fernández Méndez, supervisaron o inicio desta nova fase da actuación. Durante a visita, Tomé Roca destacou que a Deputación leva investidos un total de 2,445 millóns de euros desde a Glorieta do 25N, o que amosa o compromiso da institución coa mellora das infraestruturas da cidade.
O mandatario provincial subliñou que esta intervención xa transformou a principal vía de entrada e saída de Lugo pola súa zona norte, unha área con intensa actividade comercial e industrial. “Cando rematen as obras, que agardamos ter listas entre outubro e novembro, Lugo disporá dun acceso espectacular, o mellor que vai ter a cidade e, ademais, onde máis se necesita pola gran afluencia de tráfico”, afirmou.
Pola súa parte, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, cualificou o inicio das obras como “unha excelente noticia para Lugo e para toda a cidadanía”. Destacou que esta intervención encaixa co modelo de cidade que promove o goberno local: “un Lugo aberto, onde se gañan espazos públicos para a veciñanza, pero sempre priorizando a seguridade dos peóns e do tráfico rodado”.
Fernández remarcou que o remate do desdobramento será clave para a mellora da mobilidade na zona norte da cidade, agradecendo “o compromiso, a sensibilidade e o esforzo inversor da Deputación”. Tamén salientou a importancia estratéxica desta actuación pola súa proximidade ao centro comercial As Termas e aos polígonos industriais, que concentran boa parte da actividade económica da contorna.
As obras avanzan así cara á culminación dun proxecto que marcará un antes e un despois nos accesos á cidade de Lugo.