Comezan as proxeccións das obras finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo

LugoXa
As sesións, con entrada gratuíta nos Cines Códex, inclúen presentacións dos equipos e coloquios co público
Gala-Mestre-Mateo-Lugo-2026
10 Feb 2026

Lugo inicia esta semana as proxeccións das longametraxes e documentais finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo, unha iniciativa que forma parte da programación previa á gala que se celebrará o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos. Durante varias semanas, a cidade converterase nun punto de encontro do audiovisual galego, reforzando o seu papel como sede da gran noite do cinema galego.

As proxeccións terán lugar nos Cines Códex, con acceso gratuíto ata completar capacidade, e estarán acompañadas pola presentación dos equipos das obras e un coloquio aberto co público, moderado pola guionista Clara Coira. O obxectivo desta programación é achegar o audiovisual galego á cidadanía e fomentar o contacto directo entre creadoras, creadores e espectadores.

A primeira sesión celebrarase mañá martes 10 de febreiro ás 19.00 horas coa proxección da longametraxe Antes de nós, que contará coa presenza do seu actor protagonista, Xoán Fórneas, e da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, encargada de dar a benvida ao público asistente.

As proxeccións continuarán durante os meses de febreiro e marzo, sempre ás 19.00 horas nos Cines Códex. O mércores 11 de febreiro proxectarase 360 Curvas, coa asistencia do director Alejandro Gándara e do produtor e actor Adrián Méndez.

O martes 18 de febreiro será a quenda de Ao son da nova regueifa, coa presenza das regueifeiras Lupe, Josinho da Teixeira e Manolo Maseda, e cunha actuación musical incluída. O mércores 19 de febreiro exhibirase Sirât e o luns 24 de febreiro San Simón. O martes 25 de febreiro proxectarase O silencio herdado, mentres que xa en marzo, o día 3 poderá verse As liñas descontinuas e o día 4 Deuses de pedra. As presentacións do resto das sesións confirmaranse proximamente.

Xunto ás proxeccións cinematográficas, a programación previa dos XXIV Premios Mestre Mateo en Lugo inclúe tamén dous encontros abertos ao público. O 20 de febreiro celebrarase no salón de actos da Deputación de Lugo a charla Detrás dos Premios Mestre Mateo, na que as persoas responsables da organización e da prensa da gala compartirán detalles e curiosidades sobre o funcionamento interno do evento. Ademais, o 5 de marzo terá lugar no Auditorio do Vello Cárcere un encontro cos presentadores da gala e coa persoa galardoada co Premio de Honra desta edición.

⚙ Configurar cookies
0.098388910293579