Comezan as reunións para definir o novo modelo de transporte urbano do Concello de Lugo

LugoXa
O Concello convoca cinco xuntanzas abertas e habilita un correo electrónico ata o 15 de marzo para recoller propostas da veciñanza
Bus-Nadela-reunion-tenencia-alcaldia-Lugo
23 Feb 2026

O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo un encontro con veciños e veciñas co obxectivo de iniciar o traballo para deseñar un novo modelo de transporte público adaptado ás necesidades reais da cidadanía. O proxecto do futuro bus urbano artellarase a través dun proceso participativo que incluirá distintas reunións abertas nos barrios da cidade.

A veciñanza está convocada a cinco xuntanzas que se celebrarán o 24.02 ás 18:30 horas no Centro de Convivencia Maruxa Mallo, o 25.02 ás 19:30 horas no Centro de Convivencia Uxío Novoneira, o 27.02 ás 18:30 horas no Centro de Convivencia María Balteira, o 02.03 ás 19:30 horas no Centro de Convivencia de Fingoi e o 03.03 ás 19:30 horas no Centro de Convivencia Aquilino Iglesias Alvariño. Ademais, habilitouse o enderezo electrónico mobilidade@lugo.gal para que aquelas persoas que non poidan asistir ás reunións poidan trasladar as súas achegas ata o 15 de marzo.

Segundo explicou Rubén Arroxo, unha vez recompiladas todas as propostas elaborarase unha primeira proposta de futuras liñas de bus urbano. A previsión da Tenencia de Alcaldía é presentar este borrador antes de que remate marzo, co fin de que durante a segunda quincena dese mes a veciñanza poida formular novas suxestións sobre o proxecto completo.

Cando o deseño das liñas estea pechado de maneira definitiva, iniciarase a redacción dos pregos do contrato. Arroxo subliñou que resulta imprescindible definir previamente o modelo de liñas para poder calcular o custo inicial da concesión, xa que é necesario coñecer o quilometraxe teórico do servizo. O novo contrato, segundo indicou, contemplará a posibilidade de ampliar posteriormente o número de quilómetros, tendo en conta que a cidade continuará medrando nos vindeiros anos e que poderán xurdir novas zonas residenciais ás que será preciso dar cobertura.

En relación aos prazos, o responsable de Mobilidade sinalou que o obxectivo é iniciar a licitación despois dos meses de verán e intentar formalizar a adxudicación antes de que remate o ano, aínda que advertiu de que estes tempos poderían alongarse por recursos ou por cuestións administrativas.

A Tenencia de Alcaldía continuará traballando para incrementar o número de persoas usuarias do bus urbano. No ano 2025 superouse por primeira vez a cifra de 10.000 usuarios nun único día, e a intención é consolidar esa marca de maneira habitual. Para conseguilo, o departamento aposta por mellorar as conexións cos barrios, facilitar itinerarios máis sinxelos, garantir frecuencias de 30 minutos e reducir os tempos de espera nos principais eixos da cidade, onde actualmente a frecuencia é de 12 minutos.

0.092782974243164