Comezan os traballos para facer impermeable a cuberta do Pazo dos Deportes

Comezan os traballos de reparación da cuberta do Pazo dos Deportes, unha actuación integral coa que se impermeabilizarán os 8.500 cadrados de superficie da cuberta cunha membrana de poliurea.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, achegouse ao recinto, onde se están a desenvolver as primeiras tarefas de limpeza dos paneis que conforman a envolvente e outros traballos previos á aplicación do polímero sintético.
As obras, adxudicadas en 608.000 euros, teñen un prazo de execución de catro meses e inclúen, ademais da reparación da superficie da cuberta, actuacións nos canlóns e baixantes para mellorar a evacuación da auga da chuvia.
O vicepresidente da Deputación encadrou “esta actuación integral na cuberta no plan de mellora e modernización das instalacións que vimos desenvolvendo nos últimos anos”, e explicou “que se trata do maior investimento realizado ata agora no Pazo, co obxectivo de dar unha solución definitiva aos problemas da cuberta e optando por unha fórmula compatible co uso habitual da instalación por parte do CB Breogán e o Ensino”.
Ademais do inicio das obras na cuberta, comezou tamén a substitución das luminarias da explanada da entrada principal do Pazo e das pistas laterais exteriores por outras de tecnoloxía LED.
A Vicepresidencia da Deputación está tamén a tramitar a contratación de melloras na pista do Pazo. A intervención, valorada en 20.000 euros, incluirá a restauración do pavimento e o pintado e matizado da cancha, garantindo o mantemento da superficie de xogo nas condicións requeridas pola normativa.