Comezaron os traballos de limpeza e conservación do Pazo dos Deportes
Comezaron os traballos de limpeza e conservación das paredes exteriores do Pazo dos Deportes, que se prolongarán, como
mínimo, durante quince días. O contrato, licitado en marzo e adxudicado a finais do mes de agosto por un importe de 107.000 euros, inclúe diversas actuacións de limpeza, substitución, reparación e protección nos paramentos e na carpintería exterior do edificio.
Así, contémplase unha limpeza profunda para eliminar as manchas provocadas polo depósito e acumulación de materia procedente da contaminación atmosférica, a actividade de fungos ou pintadas, o selado de fisuras e xuntas de dilatación en diferentes puntos do perímetro exterior e a supervisión de portas e ventás. A intervención dá continuidade aos traballos de mellora e modernización que a Vicepresidencia da Deputación está a realizar no Pazo dos Deportes nos últimos meses, coa instalación de novos altavoces, a renovación das luminarias sobre o aro inferior das bancadas ou a limpeza da pista. Tamén se reforzou a ventilación e extracción, e se instalou un novo sistema para climatizar a pista e evitar episodios de condensación en condicíons ambientais adversas.