“Compras con Lúa” busca impulsar o comercio local en Lugo durante novembro

LugoXa
AELU e o Concello organizan unha iniciativa con agasallos asegurados e unha gran festa na Praza Maior o día 20
compras-con-lua
31 Oct 2025

A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU), en colaboración co Concello, pon en marcha desde o 1 de novembro a campaña “Compras con Lúa”, unha proposta destinada a dinamizar o comercio de proximidade nun mes especialmente complicado para o sector.

A iniciativa, impulsada pola empresa de Nuria Carballido, anima á veciñanza a mercar nos establecementos da cidade adheridos, ofrecendo premios directos a quen conserve os tickets das súas compras durante todo novembro.

As persoas participantes poderán trocar os seus comprobantes por agasallos seguros o 20 de novembro, entre as 18.00 e as 00.00 horas, na Praza Maior, coincidindo coa “Gran Festa do Comercio Lucense”, que encherá o centro urbano de ambiente festivo.

A programación dese día incluirá unha zona de premios, unha batukada percorrendo as rúas, un concerto en directo no templete da Praza Maior e un photocall especial da campaña. Ademais, quen comparta unha fotografía en Instagram co hashtag #ComprasConLúa e etiquete a @empresariaslugo recibirá un detalle sorpresa.

Desde AELU subliñan que esta proposta pretende “poñer en valor o comercio de proximidade, o trato directo e recuperar o movemento nas rúas da cidade mediante unha experiencia participativa e divertida”.

A campaña é gratuíta e aberta a todos os establecementos comerciais de Lugo, que poderán inscribirse ata o 7 de novembro a través das redes sociais da Asociación ou enviando un correo a empresariaslugo@gmail.com.

⚙ Configurar cookies
0.21427798271179