Concello de Lugo e EcoLugo activan un plan de limpeza intensiva en varios barrios da cidade

O Concello de Lugo e a empresa concesionaria EcoLugo acordaron a posta en marcha dun plan de limpeza intensiva en distintos barrios da cidade que precisan un reforzo do servizo.
A alcaldesa de Elena Candia mantivo unha reunión de traballo con responsables de EcoLugo para definir unha folla de ruta orientada a mellorar a eficacia das tarefas de limpeza en zonas concretas do municipio.
Segundo a comunicación remitida pola empresa, as primeiras actuacións desenvolveranse no barrio das Fontiñas e incluirán baldeo e hidrolimpeza intensiva de beirarrúas. O operativo contará cun maquinista, un capataz supervisor e o persoal habitual de limpeza viaria da zona, ademais dunha máquina lavaceras eléctrica.
Para facilitar os traballos, o servizo comezará unha hora antes do habitual, co obxectivo de intervir previamente nas áreas con terrazas. Tanto o Concello como a concesionaria contactarán cos establecementos da zona para solicitar a retirada das terrazas durante a noite anterior, co fin de garantir unha limpeza máis eficaz e homoxénea.
Desde o goberno local destacan que este plan busca actuar con maior rapidez e eficacia ante as incidencias que afectan ao espazo público e avanzar cara a unha cidade máis limpa, coidada e agradable para a veciñanza.