O Concello de Lugo reparará o muro do CEIP Quiroga Ballesteros

O muro perimetral do CEIP Quiroga Ballesteros será arranxado polo Concello de Lugo tras analizar os informes técnicos sobre o seu estado e a súa relación coa execución das obras de peonalización entre a Porta da Muralla Bispo Odoario e a Praza do Ferrol.
As conclusións técnicas municipais indican que o muro xa presentaba deficiencias estruturais antes do inicio das obras, con desplomes visibles nas pilastras da entrada, tal e como acreditan imaxes e documentación gráfica previas á intervención. Durante a execución dos traballos tamén se constatou que non contaba cunha cimentación adecuada, ao asentarse sobre unha base situada á cota da rúa.
A obra de peonalización non incluía actuacións sobre o muro do centro educativo por tratarse dun elemento alleo á intervención. Con todo, procederase ao apuntalamento provisional como medida preventiva para garantir a seguridade.
O Concello solicitou informes complementarios, nos que a empresa adxudicataria achegou unha análise topográfica comparativa que conclúe que as variacións detectadas tras a obra son mínimas e pouco significativas, dentro das marxes de tolerancia técnica. O director da obra confirmou que os danos eran preexistentes e que calquera movemento adicional sería de pequena entidade.