Concello e Deputación súmanse á campaña solidaria 'Lugo con Ucraína'
O Concello e a Deputación de Lugo veñen de sumarse á iniciativa solidaria impulsada pola Confederación de Empresarios e a Federación de Asociacións de Veciños para acadar o apoio da sociedade lucense á poboación ucraína.
Baixo o lema ‘Lugo con Ucraína. Non á guerra’ foi presentada a campaña a través da que se pretenden poñer á venda ao redor de 3.000 camisetas deseñadas para visualizar a implicación da cidadanía luguesa coa catástrofe humanitaria que derivou do conflito bélico.
Jorge Somoza, tesoureiro da CEL e Jesús Vázquez, presidente da Federación de Veciños, deron conta, xunto a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a deputada provincial Mayra García, dos detalles desta acción - na que xa colaboran unha ducia de entidades e empresas locais co financiamento das prendas e a súa serigrafía – e que nos próximos días se trasladará ás rúas da cidade a través de mesas de voluntariado nas que se poderán adquirir as camisetas, que non terán un custo mínimo senón que se entregarán por doazón recibida.
O importe recadado se destinará á poboación infantil ucraína, a través de Unicef coa que os organizadores asinarán un convenio.
A rexedora lucense aproveitou a presentación para verbalizar,unha vez máis, o rexeitamento social á guerra e tamén o apoio ao pobo ucraíno, trasladando “unha condena unánime e enérxica aos ataques do exército ruso, cada vez máis cruentos, que implican a perda de vidas civís e militares, así como o sufrimento indiscriminado e inxustificado da cidadanía”, lamentou.
Lara Méndez quixo destacar, así mesmo, a importancia do labor coordinado e a unión de esforzos para que institucións, organismos públicos e voluntariado camiñen na mesma dirección e a acción humanitaria que se desenvolve se faga do xeito máis eficaz posible.
“En Lugo son moitas as persoas que xa se puxeron en contacto coas administracións e as distintas asociacións para amosar a súa vontade de cooperación polo que resulta fundamental canalizar eses xestos altruístas, con responsabilidade e ordenadamente, facilitando no só aloxamento e manutención ás e aos refuxiados, senón tamén cobertura sanitaria, educativa e legal para que teñan plena capacidade de inserción no mundo laboral xa que se descoñece o tempo de estancia destes acollementos, se teñen carácter temporal ou definitivo e, polo tanto, debemos garantirlles todos os dereitos como cidadáns”, engadiu.
A alcaldesa lembrou alén que Lugo mantén unha acción coordinada con cidades de Galicia e Portugal a través do Eixo Atlántico á que xa pertencen unha vintena de municipios. “Unha rede que se prevé continúe crecendo e na que os Concellos estamos a actuar, cada un na medida das nosas posibilidades, para dar unha resposta integral ás necesidades que van xurdindo”, sostivo.
“Un traballo conxunto fundamental no que tamén ten cabida a articulación de mecanismos de apoio co resto de entidades da sociedade civil, entre eles o tecido empresarial e asociativo, que exercen un cometido tan destacado no impulso da concienciación social e da implicación da poboación a título particular, polo que estamos moi contentos de poder colaborar tamén en iniciativas como esta que apelan a seguir sumando axudas a unha causa que nos conmove a todos e todas e que non nos pode deixar indiferentes. Todo o noso apoio, por tanto, ao elo máis feble do conflito, os nenos e nenas que a tan curta idade asisten á destrución dos seus fogares e a perdas familiares irreparables”, concluíu a rexedora lucense.
Pola súa banda, Mayra García Bermúdez evidenciou que a Deputación “como institución solidaria, profundamente comprometida coa defensa dos dereitos humanos e dos valores democráticos, tiña que participar nesta iniciativa solidaria que está dirixida a recadar fondos para os afectados pola guerra de Ucraína, especialmente para os nenos e nenas vítimas deste horror, que son os máis débiles e indefensos”.
Explicou que a provincia de Lugo “situada no Camiño de Santiago, conta cunha longa historia de lazos de relación con peregrinos chegados de toda Europa, tamén de Europa do Leste. Mesmo por iso sentimos que ese conflito, afastado no xeográfico, nos toca moi de preto”, manifestou. “Sumámonos a esta iniciativa que, baixo o paraugas de UNICEF, une a institucións e entidades representativas do tecido social e do tecido económico da provincia de Lugo”, explicou.
A deputada incidiu no carácter solidario da veciñanza da provincia, “que o demostran cada día e que seguro que van dar unha gran resposta a esta campaña de venda de camisetas”, e augurou que “oxalá que nun futuro moi próximo este tipo de actuacións deixen de ser necesarias, e a paz volva ó conxunto dos territorios europeos”, afirmou na presentación ao tempo que lembrou que a institución provincial respondeu dende o primeiro momento ante os efectos da invasión de Ucraína polas tropas rusas, aprobando unha axuda económica directa de 10.000€ e tamén unha achega de material en bens de primeira necesidade por valor de 18.000 €, a través da Cruz Vermella, unha das entidades establecidas polo Goberno de España para a cooperación co pobo ucraíno.