Concello e forzas de seguridade vixían o cumprimento das restricións en Vilalba
O Concello de Vilalba, desde a entrada en vigor onte ás 00.00 horas das novas medidas para facer fronte ao coronavirus impostas pola Xunta de Galicia, convocou ás forzas de seguridade que operan no Concello para o seguimento do protocolo que corresponde a este nivel de restricións por parte da administración autonómica e estatal nas competencias de seguridade cidadá.
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, mantivo onte unha reunión de coordinación coa Garda Civil e a Policía Local, que despois de 36 horas de operativo fan hoxe un balance satisfactorio, coa tramitación dalgúns expedientes por feitos susceptibles de sanción pero destacando “a tónica xeral de bo comportamento por parte da veciñanza”.
En cada unha das tres quendas diarias da Garda Civil, hai tres patrullas (2 persoas e un vehículo cada patrulla) e un xefe/coordinador das 3 patrullas velando polo cumprimento das medidas en Vilalba.
A Garda Civil controla o respecto ao peche perimetral e as medidas de seguridade como o uso de máscaras e a prohibición das reunións con non conviventes. Tamén realiza vixilancia nos establecementos de hostalaría e no comercio local. En calquera momento das 24 horas do día hai sete axentes da Garda Civil controlando o cumprimento das medidas en Vilalba.
Polo que respecta á Policía Local, hai unha parella en cada quenda e reforzos puntuais cando é necesario, percorrendo tamén Vilalba para comprobar se a veciñanza cumpre as restricións.
Tanto a Garda Civil como a Policía Local tramitaron xa algúns expedientes sancionadores, pero sen incidentes destacados. Si fixeron diferentes intervencións para a identificación de persoas, pedindo documentación na rúa e nos vehículos.
“Quero agradecer o esforzo da veciñanza e o traballo das forzas de seguridade, facendo un chamamento á responsabilidade individual, temos que colaborar para darlle un xiro á situación do coronavirus en Vilalba”, explica a alcaldesa, Elba Veleiro.