Concello e Xunta analizan novos proxectos de vivenda e colaboración institucional na cidade

LugoXa
Elena Candia e Alfonso Villares repasan actuacións en marcha e coinciden en reforzar a coordinación entre administracións
reunión-Elena-Candia-e-Alfonso-Villares
17 Jun 2026

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu na Casa do Concello ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, nun encontro de traballo centrado no seguimento dos principais proxectos que o Goberno galego está a desenvolver na cidade e na análise de novas vías de colaboración institucional.

Durante a reunión abordáronse distintas actuacións impulsadas pola Xunta de Galicia en Lugo, así como a necesidade de reforzar a cooperación entre administracións para axilizar trámites e ofrecer respostas máis eficaces ás demandas da cidadanía.

Un dos asuntos centrais foi a política de vivenda, sobre a que se fixo seguimento das promocións residenciais en marcha na cidade e doutras medidas destinadas a facilitar o acceso á vivenda, entre elas a recente ampliación dos límites de ingresos para poder optar a estes fogares públicos.

O delegado da Xunta detallou que actualmente a Administración autonómica ten en marcha proxectos que permitirán sumar máis de 600 vivendas de promoción pública en Lugo, con actuacións xa en execución en dous edificios en Garabolos de 70 e 76 vivendas, ademais da licitación doutros 152 fogares na mesma zona e de 59 en Paradai. Tamén se atopan en fase de redacción os proxectos para 50 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos na rúa Illa Coelleira e 24 vivendas en Ángelo Colocci.

Así mesmo, analizouse o Proxecto de Interese Autonómico do Sagrado Corazón, o primeiro deste tipo tramitado pola Xunta que conseguiu aprobación inicial. O Goberno galego está a estudar as alegacións presentadas e prevé a súa aprobación definitiva no último trimestre do ano.

Ambas partes coincidiron na importancia de manter unha comunicación fluída e unha coordinación constante entre o Concello e a Xunta para garantir o avance dos proxectos estratéxicos para a cidade.

Tanto a alcaldesa como o delegado territorial destacaron a necesidade de traballar desde a lealdade institucional e a cooperación entre administracións, co obxectivo de aproveitar oportunidades de investimento e mellora de servizos que redunden no benestar da cidadanía de Lugo.

0.13473701477051