Concerto de músicas inéditas este sábado na casa museo de Manuel María
Samuel Diz e Faia Díaz regresan á Casa-Museo Manuel María este sábado, 28 de maio, ás 20h, para presentar en concerto o que hai meses interpretaron neste mesmo espazo museístico para gravar o proxecto audiovisual Músicas inéditas en Casas literarias. Con este traballo recuperan unha escolma de partituras orixinais do compositor, guitarrista e pintor lucense Tino Prados (1924-1981), en que se inclúen os poemas musicados O camiño do monte de Uxío Novoneyra e Soio na noite de Manuel María.
Músicas inéditas en casas literarias é un proxecto de investigación, interpretación e divulgación do patrimonio musical galego para guitarra, inédito ou pouco coñecido, gravado coa copia facsimilar da guitarra orixinal de Federico García Lorca, e producido por Poliédrica e Samuel Diz.
Tino Prados (Lugo, 1924 - 1981)
Tino Prados naceu en Lugo en 1924. Estudou na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, foi membro fundador do grupo artístico lucense «Los Urogallos» e profesor de debuxo no Círculo de las Artes de Lugo. A nivel musical, foi integrante do «Rocho musical», formación en que están as orixes da Sociedade Filarmónica de Lugo, e un importante dinamizador coa creación de numerosas agrupacións musicais na cidade, entre as que se encontraba a orquestra de guitarras do Círculo das Artes.
Tras o seu falecemento en 1981, a Agrupación Guitarrística Galega publicou unha monografía que incluíu a edición facsimilar da mazurca «Sarita», interpretada nesta produción xunto a outras partituras para guitarra como o valse crioulo «O carreteiro» ou a danza moura «Zoraida».
Por mediación dos familiares de Tino Prados, Samuel Diz accedeu ao arquivo persoal do músico lucense, documentos entre os que atopan os orixinais de numerosos poemas musicados, como «O camiño do monte» de Uxío Novoneyra e «Soio na noite» de Manuel María, interpretados coa colaboración da cantante Faia Díaz.
Manuel María, escritor cuxa Casa-Museo acolle este proxecto de recuperación da memoria musical galega, lembraba que “a música era a grande e fonda paixón de Tino Prados. Foi o gran animador da vida musical luguesa e mestre de varias xeracións. [...] Compuxera pezas prá guitarra, da que era un virtuoso”.