Conclúe o traslado de case 14.000 mexillóns no Miño para reconstruír a Acea de Olga
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), visitou a zona onde finalizou, con éxito, a complexa traslocación de mexillóns, necesaria para a reconstrución da Acea de Olga, no río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo. A relevancia desta fase previa queda de manifesto, segundo explicou, na altísima cantidade de exemplares que se moveron, 13.895 bivalvos en total, cunha densidade media de 5,6 por metro cadrado.
“A importante presenza de náiades, é un indicador clarísimo da gran calidade ecolóxica do río Miño ao seu paso por Lugo”, destacou José Antonio Quiroga, lembrando o papel crave en termos de osixenación e filtrado que cumpren as dúas especies trasladadas, Unio delphinus e Potomoda littoralis, que teñen na conca do Miño unha das mellores poboacións do sur de Europa. "Estamos moi satisfeitos, esta execución de recuperación e protección patrimonial na cidade de Lugo, moi unida á protección ambiental, transcorre segundo o programado”, concluíu o presidente da CHMS, indicando que o organismo valora principios de outubro como data de finalización do proxecto.
Marta Garrido, técnico da CHMS e directora das obras, recalcou a importancia da obra en tanto que se trata da recuperación dun elemento de gran valor etnográfico para a cidade de Lugo “e o esforzo realizado na compatibilización desa restauración patrimonial coa preservación ambiental e tamén con usos sociais e recreativos desta zona do río para os cidadáns”.
Destacou o áxil e meticuloso traballo de técnicos especializados durante o últimas cinco semanas, marcando, caracterizando e separando cada un dos exemplares: “Un traballo inxente e pioneiro que foi necesario realizar para preservar a biodiversidade desta zona”. Este traslado de especies, inédito en España a este nivel, incluíu o marcado do 50% dos exemplares cun código alfanumérico único para realizar o seguimento da súa eficacia. Un seguimento que se realizará anualmente durante cinco anos para garantir que as especies están a sobrevivir e crecendo de maneira correcta e que todo transcorra sen incidencias no ecosistema fluvial.
Pola súa banda, Ángel Fernández González, biólogo e director técnico da empresa Biosfera, que acometeu os traballos desta fase previa, “involucrando entre 10 e 12 biólogos en 25 xornadas practicamente consecutivas”, definiu como “moi intensa e exhaustiva” un labor que implicou “trasladar e reimplantar os exemplares destas especies protexidas e catalogadas como vulnerables no substrato do río, un a un, case 14 mil: algo máis de 4.000 Unio delphinus e case 10 mil Potomoda littoralis”.