Conde defende que a venda da planta de aluminio primario de Alcoa é a mellor saída

TerraChaXa | LugoXa
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu onte no Parlamento galego que a mellor saída para todas as partes é que Alcoa acepte a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao.
22 Out 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu onte no Parlamento galego que a mellor saída para todas as partes é que Alcoa acepte a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao.

Conde sinalou que non se desbota ningunha medida administrativa ou xudicial para reverter a decisión unilateral da compañía, que, tal e como subliñou, prexudica a todas as partes, incluída a propia Alcoa. Así, parar as cubas e deixar de producir aluminio primario na Mariña non só lle suporía á empresa abonar os gastos polos despedimentos; senón que esta tería que devolver 50 millóns de euros polas axudas recibidas en compensación dos custos por emisións de CO2, xa requiridas polo Ministerio de Industria; e facer fronte a todas as obrigas de carácter medioambiental. Neste contexto, o Parlamento galego aprobou hoxe demandar ao Goberno central a intervención pública temporal de Alcoa para a súa posterior venda a un investidor privado.

Tamén é necesario contar cun prezo eléctrico competitivo que garanta o futuro da industria electrointensiva. Este sector paga en España por riba de 45€/MWh, máis do dobre fronte aos 21,73 de Francia e os menos de 20 en Alemaña. Neste sentido, é preciso que o Goberno presente un marco enerxético estable no que inclúa a aprobación canto antes do Estatuto do consumidor electrointensivo, e a ampliación das compensacións polos custos indirectos de CO2

Conde, que unha vez máis reiterou que a unidade de acción será determinante para acadar a mellor solución posible, lembrou que a Xunta avanza na defensa da industria electrointensiva galega a través da súa declaración como sector esencial e estratéxico. Grazas a esta declaración, terán prioridade os proxectos de ampliación, modernización ou transformación destas empresas en Galicia, reducindo á metade os prazos de tramitación sempre que cumpran todas as esixencias desde o punto de vista lexislativo, técnico e ambiental. 

Pola súa banda, a parlamentaria socialista Patricia Otero instou á Xunta a manter a unidade de acción co Goberno do Estado fronte Alcoa para frear o desmantelamento da factoría de San Cibrao que acadaron logo das eleccións autonómicas. Otero presentou unha pregunta oral no Parlamento na que criticou o “intento de boicotear” a unidade por parte do Grupo Popular “con tal de poñerlle deberes só ao Goberno central e eximir á Xunta”.

Otero sinalou que os socialistas “non mudamos de posición e apoiamos a iniciativa -debatida esta mañá no Parlamento- para pedirlle ao goberno central a toma de medidas e se é necesaria a intervención para a posterior venta”. Sinalou que no debate desta mañá foi incorporada unha emenda para pedir a intervención de Madrid pero impediron incorporar a proposta socialista para pedirlle á Xunta que “continúe traballando conxuntamente co Goberno do Estado”.

Advertiu que o PP “ten un serio problema cos seus portavoces de Industria, porque mentres a Xunta e o conselleiro Conde falan de unidade e de colaboración, despois os seus portavoces intentan romper a unidade entre os grupos parlamentarios con tal de non poñerlle deberes á Xunta e só ao goberno central”. Lembrou que o goberno galego “ten competencias laborais e medioambientais”, pero preferiron obvialo para “poñerlle deberes a Madrid si e á Xunta non”.

Dirixiuse ao goberno galego para que “sigan a traballar” xunto co goberno central na senda de coordinación que acadaron logo das eleccións autonómicas, e advertiu que “non se deixen entorpecer polo que plantexa algún grupo parlamentario”. 

Acusou ao PP de “botar balóns fora” ao “culpar agora ao BNG e ao PSdeG”, e lamentou a “pouca memoria” que lles fixo esquecer que “xa tiñan unha solución en 2012, cando –o daquela minsitro do PP- Soria achegouse a San Cibrao e dixo que en 2013 estaría solucionado o problema”.

Patricia Otero puntualizou que “preferiamos a venta da planta antes de beneficiar a Alcoa, polo cal a intervención “non é a primeira opción”, pero subliñou que “se é necesario se que apoiamos a intervención para facilitar posteriormente a chegada dun comprador”.

0.21288180351257