Continúa a exposición sobre o castro de Sta. María de Castro en Cervantes

LugoXa
O CPI Cervantes continúa acollendo unha exposición arredor da cultura material do castro de Sta. María de Castro, no concello de Cervantes.
Castro_de_Santa_Maria_de_Cervantes_
23 May 2021

O CPI Cervantes continúa acollendo unha exposición arredor da cultura material do castro de Sta. María de Castro, do concello de Cervantes. Dita exposición forma parte do proxecto Investigación no MPLugo (Fondos arqueolóxicos), unha iniciativa para dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico provincial.

A mostra permanecerá no centro ata o 26 de maio e pretende dar a coñecer este poboado, cuxas escavacións determinaron unha ocupación romana principal datada nos séculos I e II d. C. A cultura material exhumada consérvase actualmente no MPLugo como depósito da Xunta de Galicia.

O contido divídese en sete partes e/ou paneis: a primeira parte amosa o enclave, cronoloxía e descrición do xacemento de Sta Mª do Castro. Os catro paneis seguintes amosan as características da cerámica atopada neste poboado, que constitúe o material mais abundante na escavación. A través de textos, imaxes e debuxos explícase polo miúdo a cerámica de tradición indíxena, a romana de cociña e almacenaxe e as vasillas finas.

Nestas últimas diferéncianse as importacións de Lucus Augusti e as hispánicas de diferentes puntos da península. Outra parte importante da cultura material deste poboado fórmana o conxunto de pezas metálicas que se acompañan doutros materiais líticos relacionados probablemente coa súa fabricación. As pezas de aderezo persoal (aneis, doas de colar) ou complementos de atavío (fíbulas e fibelas) constitúen o contido da sexta parte. Finalmente no apartado doutros materiais inclúense imaxes e información de diversas pezas realizadas en bronce, vidros e moedas.

0.17141509056091