Continúa a folga da limpeza cun acto reinvindicativo na praza Maior

LugoXa
Traballadoras e traballadores da limpeza de Lugo continuaron este luns a súa folga indefinida en demanda dun convenio colectivo digno.
folga limpeza lugo
folga limpeza lugo
23 oct 2023

Traballadoras e traballadores da limpeza de Lugo continuaron este luns a súa folga indefinida en demanda dun convenio colectivo digno. Fixéronno cunha concentración na praza Maior diante do Concello, onde realizou unha performance reivindicativa que consistiu nunha 'colgada' dunha das súas ferramentas de traballo máis simbólicas: a fregona.

“Trátase dunha folga máis que xustificada pola falta de avances na negociación e a miserenta oferta presentada pola patronal, xa que suporía deixar as traballadoras na total precariedade”, din os convocantes.

O paro afecta a todas as traballadoras e traballadores regulados polo convenio provincial de limpeza de edificios e locais (unhas 1800 persoas) que prestan servizos en comunidades de propietarios, domicilios particulares, centros de saúde, residencias, centros de día, centros educativos, instalacións deportivas, museos, estacións de autobuses, bibliotecas, industrias de toda índole, almacéns loxísticos, supermercados, centros comerciais, oficinas bancarias ou dependencias policiais e de bombeiros. Non está chamado á folga o persoal dos servizos limpeza do hospitais públicos, a universidade ou as dependencias da Xunta que teñen convenio propio, así como o persoal das empresas do sector que contan con convenio de seu.

Un dos obxectivos dos piquetes informativos é visitar os distintos centros de traballo que teñen contratados servizos de limpeza para explicarlles as compañeiras e compañeiros desas empresas os motivos da folga, cales son as súas reivindicacións e a situación de bloqueo na que a patronal estatal, ASPEL, mantén a negociación do convenio provincial.