Continúa a formación á cidadanía sobre o manexo de desfibriladores en agosto

LugoXa
O Concello de Lugo ofrecerá formación á cidadanía sobre o manexo de desfibriladores todos os martes de agosto.
3 Aug 2022

O Goberno de Lara Méndez ofrecerá formación á cidadanía sobre o manexo de desfibriladores todos os martes de agosto. A rexedora subliñou que “esta iniciativa enmárcase no programa ‘Lugo con Corazón’ que puxemos en marcha dende o executivo, a través da área de Benestar Social, para converter ao noso municipio no máis cardioprotexido do noroeste peninsular, coa adquisición de 67 novos desfibriladores que foron instalados en todas as dependencias municipais, así como en prazas e espazos públicos da cidade que contan con gran afluencia de transeúntes”.

A formación, que deu comezo no mes de xuño nas prazas do Castiñeiro e San Marcos, Quiroga Ballesteros e no campus universitario; continou en xullo nas prazas de Augas Férreas, Camiño Primitivo, Horta do Seminario, Fonte dos Ranchos e nos parques da Milagrosa e Rosalía de Castro.

Onte iniciouse a programación de agosto cunha sesión na praza da Milagrosa, e estenderase ao longo do mes a Paradai, a Ponte Romana e os paseos fluviais do Miño e do Rato. En setembro tamén haberá sesións en Garabolos, o Campo Castelo, no campus universatario, así como, durante a celebración do Caudal Fest.

As xornadas, de 4 horas de duración, están impartidas por un equipo integrado de monitores e instrutores de soporte vital con certificado de capacitación, grazas a un convenio de colaboración asinado pola concellería de Benestar, que dirixe a edil Olga López, coa Cruz Vermella.

Lara Méndez animou a toda a veciñanza a participar, destacando a importancia de adquirir coñecementos que poidan axudar a salvar vidas en situacións nas que cada minuto conta. Neste senso, lembrou que o Concello, puxo en marcha esta campaña co obxectivo de reverter as cifras de falecementos no municipio debido ás paradas cardíacas: dos 250 casos anuais en Lugo, só un 20% dos afectados chega vivo ao hospital.

Olga López apuntou que as clases inciden en aspectos como a identificación dunha parada cardiorespiratoria; manobras de reanimación cardiopulmonar básica; que é un DEA?; quen pode empregalo?; que necesitamos saber?, así como no funcionamento do equipo DESA, que inclúe unha parte práctica. Para asistir, a cidadanía só debe acudir aos espazos para poder participar, non é necesaria a inscrición previa.

A formación terá lugar todos os martes de agosto, das 16.00 ás 20.00 horas.

  • 9 de agosto. Paradai (Fronte ao Museo MIHL)
  • 16 de agosto. Ponte Romana
  • 23 de agosto. Paseo do río Rato (Fronte ao restaurante)
  • 30 de agosto. Paseo do río Miño (Inmediacións da nova rotonda)
0.16955208778381