Continúa aberto o prazo de inscrición para os cursos de setembro da USC

LugoXa | AMariñaXa
O xoves 24 de agosto remata o prazo de inscrición das últimas propostas da Universidade de Verán 2023 da USC.
CAMPUS TERRA LUGO
CAMPUS TERRA LUGO
15 Ago 2023

O xoves 24 de agosto remata o prazo de inscrición das últimas propostas da Universidade de Verán 2023 da USC. Dous dos catro cursos cuxa matrícula permanece aínda aberta desenvolveranse do 4 ao 7 de setembro na provincia de Lugo, un en Vilanova de Lourenzá e outro en Lugo.

A inscrición nos cursos da Universidade de Verán farase preferiblemente en liña, a través da páxina web específica da Área de Cultura da USC, ou de xeito presencial nos centros de matriculación. En caso de non poder cursala por estes medios, as persoas interesadas poderán contactar por vía telefónica coa secretaría da Universidade de Verán nos Campus dee Lugo 982 821 513.

As dúbidas sobre a oferta e o procedemento de matriculación deberán ser dirixidas ao enderezo cursosdeveran@usc.gal A información completa de matrícula atópase dispoñible nesta ligazón.

Os cursos impartidos na provincia de Lugo serán dous, a segunda edición do curso ‘Protección e maltrato animal. Unha perspectiva actual das normas e actuacións desde o ámbito legal e veterinario ' e ‘Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX’.

A formación sobre protección e maltrato animal que se impartirá en Lugo aproveita a recente publicación da Lei sobre protección e dereitos dos animais en España para analizar, da man de diferentes organismos e entidades públicas e privadas, estas modificacións lexislativas e o seu impacto no traballo das diferentes administracións e das e dos profesionais que actúan neste eido, tanto dende o ámbito da veterinaria ou a enxeñaría agrícola, coma da avogacía ou das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Dirixido por Mª Mercedes Camiña García, desenvolverase do 4 ao 7 na Facultade de Veterinaria da USC e no Instituto de Biodiversidade Agraria e Cesenvolvemento Rural de Lugo, co cofinanciamento do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, de Galeno Especialidades Veterinarias e da Deputación de Lugo.

Por outra banda o obxectivo do curso ‘Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX’ é analizar a traxectoria e a obra do autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2023, pero tamén a súa achega como activista, intelectual, estudoso e escritor, nos seus sucesivos contextos históricos, e en relación cos fenómenos sociais e os proxectos políticos e culturais en que se implicou: dende a IIª República, como parte do movemento estudantil universitario e do Partido Galeguista, á guerra civil española, pasando pola ditadura franquista (co seu labor na resistencia política e cultural, na Editorial Galaxia, a Fundación Penzol e a revista Grial, así como na súa relación coa diáspora galeguista) e a autonomía.

Co cofinanciamento do Concello de Vilanova de Lourenzá, a Deputación de Lugo e a Real Academia Galega, o curso desenvolverase do 4 ao 7 de setembro no Auditorio Casa Concello de Vilanova de Lourenzá baixo a dirección de Henrique Monteagudo.

campus terra usc lugo
0.19464802742004