Continúa o proceso de concentración parcelaria en Guilfrei, no concello de Becerreá

A Consellería do Medio Rural avanza na posta en marcha da zona de reestruturación parcelaria de Guilfrei, no concello de Becerreá, que permitirá a mobilización de case 430 hectáreas. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na entrega dos boletíns oficiais da propiedade ás persoas interesadas.
O proxecto de desenvolvemento desta parcelaria, iniciado no ano 2022, abrangue un total de 1.708 parcelas de 111 propietarios. En paralelo a esta entrega de boletín oficiais da propiedade, coa finalidade de seguir avanzando no proceso e dado que as trazas dos camiños xa foron obxecto de exposición, estase traballando na elaboración do proxecto de camiños que conformarán a futura rede viaria da zona de reestruturación.
A directora xeral sinalou que este tipo de instrumentos contribúen a paliar o minifundismo existente na comunidade e a incrementar o valor das terras, ao tempo que evita o seu abandono e aumenta a base territorial das explotacións.
Cómpre salientar que desde 2020 rematáronse un total de 40 concentracións parcelarias que abranguen unha superficie de máis de 27.850 hectáreas, beneficiando a máis de 21.000 propietarios. Ao mesmo tempo, desde o 2021 decretáronse 33 novas parcelarias, cunha superficie mobilizada de máis de 29.000 hectáreas.
Ademais, ao longo deste 2026 iniciaranse os trámites para abrir 7 novos procesos e pechando outros. Neste sentido, o compromiso do Goberno galego pasa por entregar 25 parcelarias antes de 2028.