Continúan en Friol este sábado as III Xornadas de Cine Rural dedicadas á cultura e ao territorio

O Concello de Friol impulsa unha nova edición das súas III Xornadas de Cine Rural, unha proposta cultural que foi presentada polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Suso Rodríguez Rodríguez e pola concelleira Ángeles Buján.
A iniciativa, que conta coa colaboración do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, volve converter durante os meses de febreiro e marzo os sábados pola tarde nun espazo para o cinema e a reflexión arredor do medio rural.
As sesións restantes desenvolveranse tamén no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol os días 7 e 14 de marzo ás 17:30 horas. O programa inclúe tres propostas diferenciadas, unha xa se celebrou o día 28, que combinan proxeccións audiovisuais e intervencións das persoas protagonistas.
Este sábado será a quenda de Patrimonio lúdico galego. Investigación, recursos, un documental vinculado a unha publicación que, a partir de experiencias, estudos e proxectos concretos, recompila múltiples perspectivas que reivindican o xogo e o xoguete como elementos fundamentais da identidade colectiva. A obra propón recuperar o valor de xogar como ferramenta para lembrar quen somos e para manter viva a cultura galega. A presentación correrá a cargo de Paco Veiga García.
A terceira e última xornada, o 14 de marzo, centrarase en O papel das abellas no noso rural. A actividade incluirá unha presentación audiovisual e unha charla explicativa impartida por Erea Moreno Pena, Antía Fernández Pena, Vera Abel Corral, Iria Barcia e o propio Suso Rodríguez. Durante esta sesión abordaranse as contribucións das abellas ao medio rural e exhibiranse distintos documentais sobre este insecto, nun encontro de carácter divulgativo dirixido a todo o público interesado en coñecer cuestións básicas sobre a súa relevancia ecolóxica e produtiva.
O alcalde, José Ángel Santos, destacou a relevancia de dar continuidade por terceiro ano consecutivo a esta iniciativa co obxectivo de seguir dinamizando o rural a través de actividades abertas á veciñanza, que permiten gozar de tardes diferentes, culturais e de intercambio e convivencia entre os habitantes do municipio.