Continúan os traballos de estudo para rexenerar o barrio Feijoo e a Milagrosa

LugoXa
O Concello continúa co proxecto de estudo que xa está en marcha para rexenerar o barrio Feijoo e a Milagrosa
Exportar Barrio Feijoo
Exportar Barrio Feijoo
6 feb 2023

Os traballos dende a área de Sostibilidade Urbana continúan para declarar a Milagrosa e o Barrio Feijoo como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) co obxectivo de recuperalos urbanística e socialmente.

Os traballos son o trámite previo para poder concorrer ás axudas que se habilitan ao abeiro dos Fondos Next Generation e que o Executivo xa anunciou que ten vontade de solicitar para propiciar a rexeneración destas contornas, nun ámbito de actuación que abrangue dende a Rolda da Muralla até o Agro do Rolo e dende a Avenida da Coruña ata Casas Baratas para a Milagrosa e, dende a Avenida da Coruña, por Perpetuo Socorro e Paradai para o barrio Feijoo.

O equipo de Goberno recorda que un dos cometidos do proxecto é, precisamente, redactar unha Memoria – Programa onde quede demostrada a necesidade de actuar en materia de rexeneración urbana nas zonas sinaladas e que conleva a análise pormenorizada da degradación que lles afecta.

O estudo abrangue, así mesmo, un diagnóstico da situación demográfica, social, económica e ambiental da área, para o que se levará a cabo, tamén, un traballo de campo que inclúe encontros e reunións coa veciñanza, asociacións, etc, co fin de lograr a súa implicación e colaboración para acceder ao interior dos inmobles, sendo esta a mellor maneira de comprobar con veracidade a situación dos inmobles e poder determinar as obras que precisan e, por tanto, as propostas individuais para cada un.

Ademais, o equipo redactor do proxecto deberá indicar o custo estimado das intervencións previstas, encamiñadas ao aforro e eficiencia enerxética, e elaborar senllas memorias sobre a idoneidade técnica e sobre a viabilidade económica que analizará a rendibilidade e o equilibrio entre os beneficios e as cargas derivadas da actuación para os propietarios, aludindo ás formas de xestión e execución, á programación temporal e ás medidas complementarias nos eidos social, económico e ambiental.

Xa durante a presentación, a rexedora, Lara Méndez, indicou que o fin último era “rexenerar estas zonas dende un punto de vista arquitectónico, promovendo e captando investimento para a recuperación dos inmobles e a mellora da súa eficiencia enerxética pero tamén redeseñando os espazos públicos con proxectos de humanización como a creación dunha senda verde peonil de conexión do conxunto do barrio co centro histórico”.

Por outra banda, o Executivo municipal quere recordar tamén, que tal e como se anunciou o pasado mes de outubro o Concello participa no programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea – Next Generatión EU para a fase XVII do Centro Histórico.

Nesta convocatoria, - que como até o de agora se xestionará dende a Empresa Municipal de Vivenda e Solo – o Concello pretende rexenerar un total de 80 vivendas a razón de 35 en 2023, 26 en 2024 e 19 en 2025.

As actuacións enmárcanse ao abeiro dun convenio interadministrativo que supón un desembolso total de 2.588.502 euros, correspondéndolle 1.521.222 € ao Ministerio, 225.072 € ao Concello e 842.207 € aos promotores privados, xa que a Xunta de Galicia non aporta nin un só euro para propiciar esta rexeneración.

Dende o Goberno local, sinálase igualmente que, dende o seu orixe, estas axudas levan contribuído a impulsar a reforma de 636 vivendas no Centro Histórico de Lugo (354 nas seis primeiras fases e 282 máis ata a 14 edición), 15 máis atópanse aínda en tramitación e EVISLUSA agarda poder xestionar outras 30 adicionais dentro da fase XVI para desenvolver de seguido.

A rexedora xa manifestou en continuadas ocasións o compromiso permanente e absoluto do Executivo municipal por continuar avanzando na humanización e dinamización de todos e cada un dos barrios da capital e incidiu en que no caso do recinto amurallado, “esta obedece a unha recuperación urbanística pero tamén comercial, a través dos viveiros municipais que impulsamos na Tinería, e coa que, así mesmo, estamos a corrixir a degradación social que lle afectaba”.

“Un esforzo que facemos sen ter competencias en materia de vivenda, que se complementa coa habilitación de partidas, cada ano, por máis de medio millón de euros en concepto de achegas ao alugueiro e que están axudando a paliar a falta de interese e de iniciativa por parte do ente autonómico que, dende hai moito tempo, mantén adiadas as súas responsabilidades para seguir creando vivenda pública na capital a pesar da demanda e das necesidades existentes”, sostivo Méndez.

A este respecto, dende o Concello convídase á Xunta de Galicia a impulsar novos programas ou retomar o Rexurbe ao abeiro das subvencións europeas, para sumar recursos e traballar verdadeiramente por Lugo, atendendo ás que, de paso, son as súas competencias sen que a asunción das mesmas garde relación coa cor política de quen dirixe á Institución local, en alusión, por exemplo, ao nulo investimento que leva realizado nas parroquias de Lugo para dotalas de saneamento e abastecemento nos últimos 8 anos cos máis de 10 millóns de euros que leva recadado nese tempo con este imposto finalista no termo municipal, “alcanzando, aquí si, cotas de récord en falta de interese e compromiso por mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza do rural con relación ao resto de Galicia. É curioso que o voceiro do Partido Popular nunca pregunte por iso no Parlamento”.