Convocada unha palestra sobre a Torre de Caldaloba na Casa Museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
Fernán Álvarez, autor dun libro sobre o monumento, e Iria Castro, deputada provincial de Cultura, serán os convidados deste sábado
palestra-torre-de-caldaloba-outeiro
5 Feb 2026

A torre de Caldaloba protagoniza a próxima actividade da Casa-Museo Manuel María. Será este sábado, ás 19 horas, cunha palestra que leva por título A loita das Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego pola torre de Caldaloba e a situación actual trinta anos despois e na cal participarán Fernán Álvarez, autor do libro A torre de Caldaloba e, e Iria Castro, deputada de Cultura da Deputación de Lugo.

O encontro, de acceso libre até completar o aforo, pretende contextualizar e informar do que foi a loita, hai trinta anos, das Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego, e do inmenso traballo colectivo que se fixo, por tratar de salvar do estado de ruína a torre de Caldaloba ou Vilaxoán, por reivindicar un pasado, situado na Idade Media, que se tentou e se tenta agochar, e por denunciar o constante desprezo e desleixo que polo monumento fixeron as autoridades. Será Fernán Álvarez, primeiro presidente, no seu día, das Brigadas, quen fará unha crónica sintética de todo o inxente traballo realizado naqueles anos pola Terra Chá.

A palestra completarase coa intervención de Iria Castro que informará da situación actual en que se encontra Caldaloba, após a compra, hai case catro anos, por parte da Deputación da maior parte dos terreos onde se encontra a torre, e do bloqueo por parte da Xunta de Galiza de calquera intervención de restauración e posta en valor do patrimonio.

⚙ Configurar cookies
0.078356981277466